Inés Rey fai un chamamento a incrementar a presenza da muller no ámbito da informática

venres, 21 de xuño do 2024 S. P.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou esta semana a necesidade de incorporar a máis mulleres no grao de Enxeñaría en Informática e visualizar e mostrar as importantes contribucións femininas á revolución dixital. Así se expresou no marco do VII Congreso Nacional de Informática que se celebra na Coruña até hoxe.
Rey avogou así por incorporar a máis mulleres no grao de Enxeñaría Informática, onde a fenda na taxa de matriculación entre mulleres e homes é este curso do 82%. "A matriculación feminina no grao de Enxeñería Informática pasou de estar no 10% histórico a situarse este curso no 18%, case o dobre, pero para unha sociedade onde as mulleres somos un pouco máis da metade da poboación segue sendo pouco", explicou a alcaldesa. Lembrou que non é algo exclusivo do ámbito científico e chamou a sumar esforzos para que as mulleres sexan cada vez máis nas ramas STEM, siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática. “A ciencia necesita ser cada vez máis innovadora pero tamén máis diversa e paritaria”, dixo.
A rexedora explicou aos congresistas a vinculación histórica da Coruña coa ciencia a través da rede de Museos Científicos ou o MUNCYT, xunto coa Universidade da Coruña: “Cando en ningún outro sitio de Galicia se podía estudarIinformática, A Coruña recibía aos primeiros alumnos e alumnas na súa facultade, do mesmo xeito que agora recibe a alumnado de Nanotecnoloxía, Enxeñaría de Datos ou Intelixencia Artificial”, sinalou. Ademais, Rey situou a posta en marcha da AESIA (Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial) como “proxecto estratéxico para consolidar o liderado da Coruña no sector das novas tecnoloxías, froito do puxante ecosistema empresarial e académico da cidade”.

PUBLICIDADE