Inés Rey visita os cursos de informática e ciberseguridade que comezaron na Coruña esta semana
venres, 15 de setembro do 2023
O
Concello da Coruña ten programado o inicio de seis formacións
gratuítas para persoas desempregadas este mes de setembro. A
alcaldesa, Inés
Rey, achegouse ao Centro Municipal de Emprego dos Rosais a coñecer
ao alumnado dos cursos de informática e ciberseguridade que
iniciaron as súas aulas este luns 11 de setembro.
En
total, 304 persoas en situación de desemprego terán a oportunidade
de iniciar a súa formación gratuíta nos cursos de emprego
municipais este semestre, ampliando os seus coñecementos en
peixaría, construción, carpintaría ou outros sectores con demanda
de persoal" explicou Rey. A alcaldesa estivo acompañada por
Juan Borrego, concelleiro de Emprego; e Yoya Neira, concelleira da
área de Benestar Social.
No
primeiro semestre, o Concello ofertou un total de 285 prazas a través
de 20 cursos, incrementadas nesta segunda quenda en 19 prazas máis.
"Cos cursos programados ata a data, o Concello ten prevista a
formación gratuíta de case 600 persoas en situación de desemprego
neste ano 2023" explicou a alcaldesa, Inés Rey. Entre os cursos
iniciados no primeiro semestre atópanse catro edicións de Big
Data, impartidas no marco do programa Actualízate para o fomento
da empregabilidade en áreas dixitais, ao igual que a formación en
ciberseguridade.
"O
noso obxectivo como Goberno local sempre foi apostar pola tecnoloxía
como futuro económico da cidade, tamén a través da formación en
emprego" sinalou a alcaldesa. Rey explicou que os cursos de Big
Data resultaron ser “un éxito na súa primeira convocatoria
cunha alta demanda de solicitudes”, ampliando de dúas a catro as
convocatorias e o número de prazas por quenda de 25 a 28. Tamén
dixo que neste segundo semestre impartiranse dúas edicións de
ciberseguridade, con 30 prazas cada unha, reforzando a formación en
materia tecnolóxica.
Polo
que respecta a Actualízate, trátase dun programa que se imparte a
nivel nacional, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e
impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos
Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de
Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial. Segundo explicou
a rexedora, os cursos contan cun compromiso mínimo de contratación
do 25% do alumnado que finaliza a formación, con emprego durante
seis meses nunha empresa do sector TIC (Tecnoloxías da Información
e a Comunicación).
A
alcaldesa destacou “a importancia de apostar pola formación en
emprego como motor de reactivación económica” e puxo como exemplo
o programa Coruña Suma, que rematou no mes de maio con 1.130 persoas
inseridas no mercado laboral, 432 homes (38,2%) e 698 mulleres
(61,8%).