Inés Santé pon o punto e final á 32 edición do Ciclo Luis Asorey

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da USC, poñen o remate á 32 edición do Ciclo de Conferencias Luis Asorey (centrado esta convocatoria na transformación tecnolóxica do noso agro) este mércores 24 de novembro. Farano coa charla Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego, que estará impartida pola doutora enxeñeira agrónoma e directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé Riveira.
Inés Santé fará un percorrido polo concepto de Smart Villages e polo proxecto Smart Eco-social Villages, no que se describen os núcleos rurais intelixentes como “comunidades en áreas rurais que usan solucións innovadoras para mellorar a súa resiliencia, a partir de fortalezas e oportunidades locais”. A directora de AGADER falará de que o obxectivo da Xunta é crear unha rede de aldeas nas que, “ademais de recuperar a actividade agraria da contorna e reducir así o risco de incendio”, implantaranse solucións innovadoras e tecnolóxicas co fin último de mellorar a calidade de vida e a cohesión territorial nas áreas rurais.
Por outra parte, a relatora afondará no proxecto Rural Dixital 4.0, encamiñado a construír infraestruturas tecnolóxicas e un conxunto de produtos orientados á creación de novas oportunidades de negocio para os recursos territoriais, á mellora da cantidade e calidade dos servizos á poboación e ao aumento do impacto dos instrumentos públicos.
Nova edición do Ciclo Luis Asorey
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran a partir desta semana a 32 edición do Ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en fórmulas como as granxas intelixentes (smart farmings) ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
O ciclo está a ser coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, que explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia foi este luns 15 e versou sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030, que impartiu o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
Este martes 16 foi a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falou de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, foi o encargado este mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 foi impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Esta semana proseguiu o ciclo, o luns 22, coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que impartiu Jorge Seoane Brandariz, responsábel de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Este martes 26 a axenda continúa cunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará como dixemos este mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.

PUBLICIDADE