Infinix presenta un concepto de smartphone tri-flip

venres, 28 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Tras moito tempo agardando a que Samsung se animase a lanzar o seu smartphone encartable en tres partes, alcumado tri-fold, un dos seus competidores chineses, Huawei, adiantóuselle co Huawei Mate XT, e agora a marca Infinix, do grupo Transsion (sexto en vendas a nivel mundial, aínda que limita a súa presenza principalmente a mercados emerxentes) presenta o Infinix ZERO Series, que sería unha especie de mini tri-fold, que realmente poderiamos alcumar tri-flip, porque o encartado das pantallas en vez de ser en horizontal é en vertical.
Este novo concepto de smartphone encartable buscaría un formato extraordinariamente compacto, facilitando o seu uso para actividades deportivas practicamente como empregariamos unha cámara de acción, conseguindo unha versatilidade inédita nun smartphone.
Como os Galaxy Z Flip tamén podería colocarse sobre unha mesa para poder facer videochamadas coas mans libres, e tamén resultaría práctico para experiencias de dobre pantalla (por exemplo, para tradución automática en tempo real).
Queda agora por ver se realmente este produto chegará ao mercado nos vindeiros meses ou se quedará no caixón das ideas, pois non podemos esquecer que as pantallas encartables non destacan pola súa resistencia e os casos de uso propios dunha cámara de acción poderían ser pouco recomendables para un produto que seguramente teña un prezo bastante superior ao dunha cámara GoPro.

Unha pantalla encartable en tres partes permitiría novos escenarios de uso