Inforhouse, Dinahosting, Creativas Galegas, MestreLab, QED e Infornet, recoñecidas polo Concello de Santiago

mércores, 30 de novembro do 2022 S. P.

O Concello de Santiago, a través da área de Promoción Económica, entregou este martes 29 de novembro os seus Premios á Excelencia Empresarial, enmarcados no programa municipal Compostela Móvese 2022. A cita foi en Raxoi e contou coa presenza do alcalde Xosé Sánchez Bugallo e dos integrantes do xurado. Segundo lembrou o rexedor, estes galardóns nacen “co fin de premiar ás empresas locais que se distingan polas súas boas prácticas nos eidos da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais e boas prácticas de economía social”. Entre as firmas distinguidas atopábanse firmas tecnolóxico-dixitais como Dinahosting, Inforhouse ou Infornet, entre outras.
As empresas premiadas nesta primeira edición foron as seguintes:
- Premio Boas Prácticas en Conciliación á Empresa. Foi dar a Inforhouse SL, unha empresa con máis de 30 anos de experiencia no sector TI, e que ofrece unha carteira de solucións flexíbeis, personalizables e nun marco de xestión baixo estándares de calidade e metodoloxías específicas. O xurado valorou que “ademais das áreas funcionais de comercial, mercadotecnia e administración, Inforhouse conta cun departamento técnico de software e SAT/Sistemas que lle permite realizar servizos de soporte e mantemento de aplicativos e infraestruturas en Galicia, Asturias e outras zoas do territorio nacional”.
Nesta categoría outórgase ademais unha Mención como finalista á empresa tecnolóxica Dinahosting, dotada con 2.000 euros. Dinahosting é unha empresa especializada en servizos de hospedaxe e e dominios, con máis de 20 anos de traxectoria ofrecendo solucións para todo tipo de proxectos web, dende páxinas sinxelas ata infraestruturas máis esixentes. “O valor engadido está relacionado con discos NVMe, hardware de última xeración, CPD de alto rendemento, máxima conectividade e seguridade”, valorou o xurado.
-Pola súa banda, o Premio Boas Prácticas en Economía Circular e o Premio Boas Prácticas de Empresas de Economía Social (dotados cada un deles con 6.000 euros) foron dar á Comunidade Creativa Soc Coop Galega. Creativas Galegas é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro que nace a finais de 2019, da man de tres artesás creativas, do eido cultural galego, que xa tiñan as súas propias marcas no mercado. A empresa nace para tratar de dar solución ás dificultades que atopan as empresas do sector para sobrevivir polo feito de ser un proxecto pequeno dando a posibilidade de ter un espazo físico, compartindo custos, creando sinerxías, favorecendo a negociación con provedores e compartindo experiencias. A idea é manter a imaxe de marca de cada empresa, pero actuando como unha única entidade.
-O Premio Boas Prácticas en Materia de Innovación e Ciencia Aplicadas ao modelo de negocio, dotado con 6.000 euros, foi dar á empresa MestreLab Research SL, firma que conta cun software especializado para investigación química que cuantifica a pureza e concentración dos compostos químicos, permitindo así ás empresas farmacéuticas, químicas ou biotecnolóxicas, desenvolver medicinas e produtos máis efectivos, fiábeis e seguros.
-O Premio Boas Prácticas en Innovación en Comercialización de Produtos e Servizos Culturais, que vén con 6.000 euros, recaeu na empresa de Gonzalo Mata García QED Estudios de Herencia Cultural. Trátase dunha firma que xorde para contribuír ao estudo, análise, diagnóstico e difusión da herdanza cultural, tanto dende una perspectiva teórica como práctica, para a súa seguridade, pervivencia e coñecemento. O proxecto é creado por Gonzalo Mata despois de anos de docencia e investigación no eido das humanidades, para “proporcionar no eido cultural un servizo innovador, de calidade e ao día en técnicas diagnósticas”.
-O Premio Boas Prácticas Aliñadas cos Retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030 (6.000 euros) foi dar á empresa Informática y Networking Compostela SLU, Infornet, unha empresa galega de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en sistemas, ciberseguridade, virtualización e arquitectura na nube, aberta ao mercado internacional e coa sede en Santiago de Compostela. O proxecto nace no 1995 nunha habitación de estudante e froito da paixón pola tecnoloxía, pero non é ata 2001 cando se constitúe como empresa.

PUBLICIDADE