Inforhouse renova os seus certificados de xestión de calidade e medioambiental

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

A firma tecnolóxica Inforhouse, centrada en ofrecer ao mercado un amplo abano de solucións TI (sistemas, soporte e mantemento TI, redes e comunicación, ciberseguridade, xestión de dispositivos ou software empresarial, entre outras liñas de actividade) vén de acadar un importante fito empresarial co inicio do novo ano. En concreto, foi quen de renovar os seus certificados en xestión de calidade e medioambiental, baixo as normas ISO 9001 e ISO 14001.
Esta renovación, supón en palabras de Inforhouse “a reconfirmación do compromiso da nosa empresa coa calidade e a protección do medio ambiente na prestación da nosa actividade”.
Segundo lembran este compromiso xurdiu xa a principios dos 2000, contando coa certificación en ISO 9001 de xestión da calidade dende 2003, e foise ampliando coa mellora e integración no sistema de xestión de procesos certificados, como é a ISO 14001, no ano 2012, así como a ISO 20000 e a ISO 27001. “O obxectivo e contar con estándares recoñecidos que contribúan a desenvolver os procesos empresariais de Inforhouse de xeito eficaz e eficiente a todos os niveis”, sinala a dirección da empresa.