Informan dun novo fallo de seguridade do Ministerio de Xustiza

mércores, 2 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Extracto dun dos manuais de Orfila filtrados

O polémico fallo de seguridade que deixou expostos os datos de todos os procesos xudiciais en curso en España durante varias días parece ser só unha mostra das deficiencias dos sistemas informáticos da Xustiza española, pois non só as informacións que están a darse sobre os fallos de LexNET son pouco rigorosas (negan que houbese intrusións cando o fallo foi reportado precisamente por intrusos) senón que agora tiveron que recoñecer a filtración de preto de 11.000 documentos (cun peso duns 600 MB) que describen ao detalle parte da arquitectura dos seus sistemas informáticos e incluso con partes do código fonte de LexNET e incluso os seus certificados dixitais, o que podería dar demasiadas pistas para futuros ataques.
Os arquivos filtrados estarían nun servidor do Ministerio de Xustiza que estaba completamente aberto e sen contrasinais, ou sexa, que un fallo de configuración abriu o acceso ao panel de monitorización de LexNET, a numerosos documentos da plataforma e tamén de Orfila (o sistema que conecta aos xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de Rexistro Civil cos institutos de medicina legal), incluíndo os manuais de explotación e desenvolvemento desta plataforma de máxima confidencialidade.
Curiosamente dende o Ministerio de Xustiza en vez de recoñecer o erro, denunciaron ante a Policía Nacional o acceso dunha das persoas aos documentos confidenciais, que foi precisamente quen os alertou do fallo de seguridade e decidiu pór en coñecemento dos medios o sucedido para que se tomen medidas para mellorar a seguridade de LexNET, pois resulta evidente que non se está a xestionar a seguridade da Xustiza española de xeito responsable.

PUBLICIDADE