Informática e Networking Compostela e Itelsis, distinguidas no Premio Peme do Ano 2025

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

O Banco Santander e as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de España, entregaron este 12 de setembro o Premio Peme do Ano 2025 da provincia, que foi dar á empresa Grupo Intaf, grupo industrial de metalmecánica. Ademais, varias empresas tecnolóxicas recibiron accésits, por exemplo Informática e Networking Compostela ou Sistemas Audiovisuais Itelsis.
O director xeneral de Grupo Intaf, José Ramón Franco Caaveiro, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou no Club Cámara Noroeste e que contou coa presenza do conselleiro de Emprego, José González; o presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro; a secretaria xeral da Cámara de Santiago, Rosa Mary Cardeso; a directora territorial de Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos; o director xeneral da Cámara da Coruña, Manuel Galdo; o director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Xosé Luís Vilela e o xefe de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación dá a Coruña, Manuel Vázquez.
O Grupo Intaf é unha peme que forma coas súas empresas participadas unha cadea de valor única no ámbito metal mecánico con capacidades multidisciplinares e multisectoriais; as súas actividades abranguen o deseño e a enxeñería, a fabricación de equipos e compoñentes, o tratamento térmico do aceiro, fabricación de engrenaxes, montaxe e instalación, reparación mecánica especializada, mantemento de equipos e instalacións industriais.
O xurado valorou especialmente de Grupo Intaf “a súa achega á creación de emprego, a súa capacidade innovadora e de expansión, así como o seu compromiso coa sustentabilidade como méritos para alzarse con este premio”.
Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Peme Sostible.
O Accésit de Internacionalización outorgouse a Valora Consultores de Gestión, consultora de Sustentabilidade, pioneira e líder en servizos profesionais para a transformación empresarial, impulsada polos novos retos e oportunidades da sustentabilidade/ESG e a dixitalización.
O Accésit de Innovación e Dixitalización recaeu en Informática e Networking Compostela, dedicada a ofrecer soporte técnico, solucións de ciberseguridade e transformación dixital que ofrece servizos B2B.
O Accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Emsamble System. especialistas en arquitectura modular intelixente que busca mellorar a calidade da construción, facela máis sostible e con prazos de execución máis curtos.
E, por último, o Accésit de Peme Sostible da Coruña é para Sistemas Audiovisuais Itelsis, especialistas en telecomunicacións e solucións TIC. Trátase dun grupo empresarial que deseña e fabrica os seus propios produtos, que ofrece a outros sectores emerxentes.
En palabras do presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro, “nesta edición contamos cun significativo número de empresas candidatas o que demostra o interese que estes premios suscitan. De feito, desde a creación destes premios, máis de 300 empresas coruñesas presentaron as súas candidaturas aos mesmos.
Premio Nacional Peme do Ano 2025
O Grupo Intaf concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2025, que se elixirá entre os gañadores de cada provincia. O nome coñecerase nos primeiros meses de 2026, nun gran evento que se celebrará en Madrid.
Así mesmo, os gañadores dos Accésits concorrerán tamén á final nacional nas súas respectivas categorías, onde se elixirá ás empresas que destacaron polas súas accións de Internacionalización, as súas políticas de Formación e Emprego ou Innovación e Dixitalización e as que teñen implantadas máis medidas de Sustentabilidade.
Nesta nova edición, a novena deste Premio, participaron 1.717 empresas de todos os sectores produtivos.