Iníciase o proceso participativo para elaborar a futura Lei de Educación Dixital

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

A Consellería de Educación arrincou este 19 de febreiro o proceso de elaboración da futura Lei de Educación Dixital de Galicia, que sería, en palabras da Xunta, a primeira a nivel estatal e europeo neste eido.
Co obxectivo de dialogar e incorporar propostas de toda a comunidade educativa, este mércores ábrese no Portal de Transparencia o procedemento de consulta pública previa para recibir achegas “por parte de calquera persoa”, que dispón de prazo ata o próximo día 10 de marzo para facelo. Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades reúnese na tarde deste 19 de febreiro con representantes das asociacións de nais e pais, primeira xuntanza dunha ampla ronda de encontros.
O texto, cuxo calendario de elaboración e tramitación aspira a que estea aprobada en 2026, recollerá cuestións como a regulación da comunicación dixital entre docentes e alumnado fóra do horario lectivo, o aproveitamento responsábel da Intelixencia Artificial, as condutas contrarias á convivencia no eido dixital ou a gravación de clases.
Trátase, en palabras da Consellería, de “proporcionar aos estudantes as ferramentas necesarias para que saiban manexarse a nivel persoal e profesional nestas contornas”, facéndose especial fincapé en “aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal”.
Educación engade que o novo texto “blindará a calidade e a igualdade de oportunidades, polo que abranguerá o conxunto do ecosistema STEM no seu sentido máis amplo, o que vai moito máis aló do uso de pantallas e dispositivos electrónicos, incluíndose os principios e habilidades da ciencia e as matemáticas na resolución de retos, o pensamento computacional, as competencias dixitais ou as oportunidades derivadas da intelixencia artificial”. Para iso traballaranse aspectos como a redución da fenda dixital, o control dos riscos asociados ás contornas tecnolóxicas e dixitais, a calidade, equidade e inclusión educativa, o desenvolvemento do potencial de novas metodoloxías de aprendizaxe nun modelo híbrido, onde o papel e os métodos asociados continúa tendo un papel relevante, e a garantía dos dereitos e liberdades dos integrantes da comunidade educativa.