Injustice destaca entre os Xogos con Gold de xuño

mércores, 26 de maio do 2021 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft afrouxou o pé do acelerador no que aos Xogos con Gold se refire, para dar prioridade o Game Pass, a relación de títulos que achegarán aos subscritores de pagamento de Xbox LIVE durante o mes de xuño inclúen, entre os xogos retrocompatibles de Xbox 360 un xogo moi especial: Injustice: Gods Among Us.
A primeira entrega de Injustice é un dos xogos de loita máis influentes que podemos lembrar, non só por dar pé a unha saga, senón por transcender o mundo dos videoxogos, de xeito que as súas historias continuáronse na banda deseñada e a súa visión escura do Universo DC tamén tivo unha enorme influencia noutras historias de pantalla grande e pequena. Todo isto foi posible grazas a unha idea bastante básica, que consistiu en coller os personaxes de DC e introducilos nun xogo con mecánicas propias de Mortal Kombat, o que levou a narrar unha historia que xustificase tal nivel de violencia.
O outro xogo de Xbox 360 que chegará en xuño será NeoGeo Battle Coliseum, un xogo de loita propio de recreativas, no que os loitadores son personaxes de SNK, combinando a loitadores tanto doutros títulos do xénero como doutros clásicos da plataforma Neo-Geo.
Os xogos de Xbox One que estarán entre os Xogos con Gold de xuño son pouco relevantes: The King’s Bird e Shadows: Awakening. Ambos, títulos que poderiamos describir como independentes e descoñecidos para o grande público, como vén a ser habitual nos últimos meses dentro dos Xogos con Gold.

PUBLICIDADE