InnerSource centrará un novo faladoiro de Mancomún o vindeiro 5 de setembro

martes, 13 de agosto do 2024 S. P.

O vindeiro 5 de setembro vaise celebrar o terceiro dos 3 webinars introdutorios a InnerSource que está a organizar esta tempada a plataforma Mancomún. A sesión será impartida por Daniel Izquierdo, actual presidente da InnerSource Commons Foundation, que botará luz sobre aspectos clave a ter en conta á hora de implantar os conceptos de InnerSource na nosa empresa ou organización.
Como dixemos, a cita será o 5 de setembro ás 10.00 horas. Terá unha duración de 1 hora aproximadamente e desenvolverase dende a sala Faladoiro de Mancomún. É necesario facer a inscrición previa, a través do formulario habilitado.
Este terceiro webinar é a continuación dos que se celebraron recentemente, en formato en liña, tamén centrados en diferentes aspectos a ter en conta sobre InnerSource.
Mancomún explica que o concepto InnerSource pódese definir como a aplicación das mellores prácticas de desenvolvemento de software, que se dan nos proxectos de software libre, ao ámbito interno dunha organización. O software resultante de cara a fóra pode ser software libre ou seguir sendo un programa privativo, pero dentro dos límites internos da organización os procesos de desenvolvemento son abertos, seguindo a filosofía dos proxectos de software libre.
Mancomún tamén fai saber que os profesionais e empresas queiran afondar nesta ferramenta teñen ao seu dispor dous cursos a través da plataforma de formación en liña do CeMIT:
– Modelos de InnerSource para PEMEs
– Xestión de Proxectos InnerSource
É necesario dispoñer dunha conta na plataforma en liña do CeMIT para poder acceder aos cursos, pódese solicitar a través do formulario correspondente.