Innogando, a segunda empresa en recibir apoio do fondo emprendedor do Concello de Lugo

xoves, 23 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer a semana pasada á segunda das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma: Innogando. Unha iniciativa pioneira posta en marcha durante a pandemia por impulso da rexedora co obxectivo de favorecer a diversificación industrial do municipio tomando como base a creación de emprego de calidade e estábel. Acompañada polo conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, e polo interventor municipal, Manuel Vázquez, Lara Méndez deu a benvida a Innogando. “Trátase dunha startup que naceu no ano 2020 coa vocación de desenvolver solucións tecnolóxicas que permitan a monitoraxe en tempo real dos animais dunha explotación”, avanzou.
A rexedora afirmou que “co acompañamento de Lugo Transforma, do que recibirá 300.000 €, Innogando poderá afrontar o fortalecemento da súa rede comercial e contratar outros perfís profesionais para escalar en vendas en converterse en líderes do sector”. Segundo engadiu, a previsión coa que traballan é “realmente optimista”, permitindo sinalar un horizonte, en 2026, dun equipo de 55 persoas que multiplicará por case 3’5 o seu cadro de persoal formado por 16 gandeiro/as, veterinario/as e enxeñeiro/as informático/as e electrónico/as.
A este respecto, Elio López García e Daniel Pardo Rus (co-fundadores de Innogando) agradeceron o apoio do Concello e relataron que as súas expectativas da man do Lugo Transforma “pasan pola internacionalización, xa que vimos de pechar un acordo de distribución cunha multinacional para a comercialización en Portugal”, e o impulso deste fondo será un respaldo fundamental nese crecemento que tamén se dirixe cara a Irlanda e Sudamérica, avanzaron.
Jesús Torres quixo lembrar tamén que o fondo aterrará sobre aproximadamente 50 empresas e, extrapolando resultados de experiencias similares, se estima que favorecerá a creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas.
O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo (que mobilizou 12 millóns de euros) e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa Capital, que incrementaron o fondo investidor con un millón de euros máis.

PUBLICIDADE