Innogando e Medrar Solutions participaron na presentación do Node Hub Galicia 2025
venres, 10 de outubro do 2025
O salón de actos do CEI-Nodus (Lugo) acolleu esta semana a presentación de Node Hub Galicia 2025, un programa de aceleración tecnolóxica financiado ao 100 % por INCIBE que ten como obxectivo impulsar novas firmas innovadoras (startups), proxectos innovadores e empresas emerxentes desde Lugo.
O acto contou coa asistencia do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, así como con representantes de Torsa Capital, entidade que ademais é a xestora do fondo municipal de capital risco Lugo Transforma, o único de Galicia con participación pública local; de Startups.st; e de fondos de investimento como XesGalicia, Unirisco e Netaccede, que participaron na mesa redonda sobre atracción de capital e os retos das startups á hora de acceder a financiamento.
Tamén interviron empresas lucenses de referencia vencelladas á innovación e á transformación empresarial, como Innogando, compañía que desenvolve tecnoloxía para o sector agropecuario (coa creación do dispositivo intelixente RUMI para monitorizar o gando) e que participou como exemplo de startup apoiada polo fondo público-privado Lugo Transforma, no que recibiu recentemente unha nova achega de 400.000 euros como parte dunha rolda de financiamento de 1,4 millóns.
Pola súa parte, Medrar Smart Solutions, consultora especializada en innovación, transformación dixital e asesoramento a empresas do sector agroalimentario, sumouse ao debate como axente activo do ecosistema empresarial lucense.
Durante a súa intervención, Mauricio Repetto destacou que “Node Hub sitúa a Lugo como punto de encontro para o talento emprendedor e a innovación tecnolóxica. Apostamos por xerar espazos de colaboración nos que as novas empresas poidan medrar, captar investimento e consolidarse no mercado”.
A programación da xornada incluíu dúas mesas redondas: unha centrada en como preparar as startups para captar investimento, con representantes de Torsa Capital, XesGalicia, Unirisco e Netaccede; e outra sobre a transformación empresarial desde Lugo, na que participaron Innogando, Medrar, ABConsultores, Ingenyus e outros actores do ecosistema.
Finalmente, presentáronse as características de Node Hub Galicia 2025, que ofrecerá programas de aceleración personalizados, mentoring con profesionais de referencia, formación avanzada en estratexia e financiamento, acceso directo a redes de investimento e visibilidade institucional. A sesión pechouse cun espazo de networking no que emprendedores e investidores intercambiaron experiencias e estableceron novos contactos.
