Innogando, entre as empresas agrotech de meirande proxección en España

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

JPEG - 77.1 KB
Elio López García no Campus Terra da USC

A nosa terra estase a converter nun referente en transformación do sector agrario. Proba disto é o importante papel que xogan empresas como Innogando, startup do Campus Terra (Campus de Lugo da USC) impulsada polo veterinario Elio López que figura xa no top 15 de firmas do ámbito agrotech con meirande proxección de mercado (datos publicados por El Referente, a revista líder de información sobre novas firmas innovadoras en España), un eido de actividade (o agrotech) no que tamén teñen un papel destacado outras puxantes spin-off luguesas como TimberSoul by Cándido Hermida, iBoneLab, TasteLab, 3eData ou startups como Aleutos ou Aobá Upciclyn.
Volvendo a Innogando, empresa agromada na sede universitaria luguesa a iniciativa do entón estudante de Veterinaria de Cospeito, Elio López, actual director executivo (CEO), ten o obxectivo de mellorar o grao de benestar do sector agrogandeiro a través da achega de recursos tecnolóxicos para empresas, produtores e que tamén redunden en beneficio do consumidor final. Nesta liña, Elio López destaca recursos e servizos como a robótica, a conexión a Internet con baixo consumo enerxético, os drons e, entre outras tecnoloxías, as ferramentas de sensórica e recollida de datos, como “avances que reportan beneficios para o desenvolvemento do sector agrogandeiro e da súa industria”.
A inclusión de Innogando na dita listaxe de firmas máis puxantes do agrobiotech non é o único recoñecemento deste ano á empresa luguesa. De feito, o pasado mes de marzo foi a gran vencedora galega do certame Premios Emprendedor XXI, convocados por Caixabank e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA), co obxectivo de “identificar, recoñecer e acompañar ás novas empresas con gran potencial de medre”. O premio incluíu unha dotación económica de 6.000 euros, formación internacional especializada impartida por ESADE e expertos de Silicon Valey e o acceso a investidores e grandes empresas interesadas no ecosistema emprendedor.
Máis sobre Innogando
Innogando traballa no sector de agrotech ou smart farming. O obxectivo desta nova firma innovadora é dixitalizar o sector gandeiro para mellorar a calidade de vida do gandeiro, a rendibilidade da súa granxa e o benestar animal. Para iso deseñou de maneira íntegra diversos desenvolvementos tecnolóxicos, entre os que destaca Rumi, un dispositivo de monitoraxe do gando que conta cun asistente virtual e axuda a xestionar e a tomar decisións cos datos que recolle. Tamén é de deseño e fabricación propia Eliter, unha marca de tenreiros baseada na rastrexabilidade do seu status sanitario e condicións de orixe, que permite revalorizar este grupo de animais. O persoal de Innogando está formado por gandeiros, veterinarios e enxeñeiros informáticos e electrónicos.

PUBLICIDADE