Innovación distingue a Manuel Sabucedo e a María Luz Loureiro nos Premios Galicia de Investigación 2006

mércores, 27 de xuño do 2007 Raquel Noya

A Consellería de Innovación e Industria vén de entregar en Santiago de Compostela os Premios Galicia de Investigación 2006, organizados anualmente pola Xunta de Galicia para recoñecer o traballo de investigadores de recoñecido prestixio e o esforzo innovador de pequenas e medianas empresas galegas.
Nesta edición, foron premiados os investigadores Xosé Manuel Sabucedo Cameselle na categoría de “Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social na categoría sénior” e María Luz Loureiro García, na categoría de “Investigadores mozos”, nun acto presidido polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xavier Blanco Álvarez, quen destacou que “a finalidade destes premios é acadar a implicación de toda a sociedade na I+D+I”.
Asimesmo, o xurado, composto por representantes da Consellería de Innovación e Industria, da Confederación de Empresarios de Galicia e da Fundación Empresa-Universidade Galega, decidiu concederlle o Premio Galicia á Innovación Empresarial á empresa pontevedresa “Española de Plataformas Marinas, S.L. Extrumar”, polo deseño dunha plataforma mariña mergullable para o cultivo de moluscos.
Por último, a empresa téxtil Sagres S.L., recibiu unha mención especial do xurado pola súa aposta pola diversificación tecnolóxica nun sector estratéxico para Galiza como é o téxtil e pola súa traxectoria en procesos de innovación.

PUBLICIDADE