Innovación entrega hoxe os Premios Galicia de Investigación

martes, 27 de maio do 2008 Raquel Noya

Os doutores Carlos Pajares Vales, Miguel Ángel Correa Duarte e Roberto López Valcarce son os escollidos este ano para recoller os Premios Galicia de Investigación 2007 que entrega a Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación como máximo recoñecemento institucional á actividade investigadora.
O acto, que terá lugar ás 19:00 horas no Hotel San Francisco, en Santiago de Compostela, estará presidido polo conselleiro de Innovación, Fernando Xavier Blanco Álvarez, e contará coa presenza da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón e co director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, entre outras personalidades e membros da comunidade científica e investigadora galega.
Este ano, os galardóns están convocados baixo a modalidade Premios Antonio Casares e Rodrigo de Investigación científico-técnica e están dotados con 38.000 euros na categoría sénior e con 7.000 na categoría de investigadores mozos.
Os Premios Galicia de Investigación, que conmemoran o seu X Aniversario, recoñecen nesta edición a traxectoria investigadora no campo da Física do que fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990 Carlos Pajares Vales (véxase a imaxe). Na categoría de investigadores mozos, o xurado decidiu outorgar o Premio ex aequo a Miguel Ángel Correa Duarte, doutor en Químicas, e a Roberto López Valcarce, doutor enxeñeiro en Telecomunicacións.

PUBLICIDADE