Innovación salienta que as actividades a prol do software libre en 2006 duplican xa ás dos dous anos anteriores

xoves, 9 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Consellería de Innovación vén de facer reconto das actividades postas en marcha a tódolos niveis e dende tódolos ámbitos co obxectivo de poñer máis preto dos galegos o software libre. Segundo apunta este departamento da Xunta, todo o que se organizou este ano en curso duplicou as tarefas de difusión desenvolvidas en 2004 e 2005, co que (sinala) ponse de relevo o interese crecente da nosa sociedade por un tipo de software, o de código aberto, que non precisa pago de licenzas e que fica dispoñible para ser adaptado ás necesidades do usuario.
Segundo sinala Innovación, no que vai de ano contabilizáronse 49 actividades de divulgación e formación de software libre, o que constitúe máis do dobre do desenvolvido en 2004 (22) e 2005 (21). Amais, a previsión é que antes de que remate o ano se supere de xeito amplo o medio cento de iniciativas.
Mais: de onde procede este incremento das actividades? A xulgar polos datos da Consellería, este ano houbo que sumar ós eventos tradicionais organizados polos Grupos de Usuarios de Linux (LUGs) e colectivos universitarios os desenvolvidos por concellos, asociacións empresariais e xuntanzas de difusión como as diferentes partys que teñen lugar en Galiza.
Un dos aspectos máis salientables dos datos achegados por Innovación é se cadra o que ten que ver co sector empresarial, que semella estar a buscar dun xeito decidido alternativas ó software tradicional (o propietario), polo menos entre aquelas empresas ou asociacións empresariais situadas na punta de lanza do tecnolóxico.
Aí entrarían foros e asociacións como INEO ou EGANET, ou tamén entidades máis xenéricas como a Confederación de Empresarios de Ferrol ou o SITE de Lugo. Do mesmo xeito, a Consellería valora moi positivamente a actividade rexistrada nos LUGs, entre os que non é difícil (apunta) atopar máis cohesión e vontade de facer fronte común, até coas mesmas administracións (aí entraría a web Mancomun.org, por exemplo).
Para rematar, Innovación tamén salienta o papel desenvolvido polas tres universidades galegas (que teñen todas elas grupos de usuarios de software libre) e polos mesmos centros de educación secundaria, onde se están a organizar ciclos formativos de informática e telecomunicacións que comezan a emprestar especial atención ós programas de código aberto.

PUBLICIDADE