Innovatech FP conta este ano con máis dun milleiro de participantes

xoves, 5 de decembro do 2024 S. P.

Este xoves 5 de decembro celebrouse o lanzamento dos novos retos da II edición do programa galego InnovaTech FP, que duplica o número de empresas participantes tras o éxito da súa primeira edición. Este curso, un total de 20 firmas punteiras proporán retos tecnolóxicos ao alumnado participante para que busquen solucións innovadoras que teñan un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentábel da sociedade.
Así o fixo saber no lanzamento o conselleiro de Educación Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, que explicaron que “nesta segunda convocatoria medrou a participación”, e que o propósito final deste programa “é que todos os centros educativos de FP conten con liñas de investigación, innovación e emprendemento dentro da súa oferta programática”.
Deste xeito, InnovaTech FP busca conectar ao alumnado co sector empresarial mediante a innovación tecnolóxica e a transferencia de coñecemento. Para iso, os centros participantes, que este ano son 69, abordarán os retos propostos traballando en equipos multidisciplinares compostos por catro persoas, que deberán ser mixtos, co que se busca a integración de habilidades e coñecementos complementarios, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Nesta segunda edición participarán 940 alumnos, o que supón un incremento de máis do 50% no número de estudantes que se implican nesta iniciativa, fronte aos 600 do curso pasado. Estarán acompañados nesta actividade por 240 docentes.
As empresas e retos propostos que forman parte desta segunda e que deberán abordar os estudantes son os seguintes: Solucións sostíbeis para a xestión de palas de aeroxeradores en desuso (Naturgy); Plataforma dixital para mellorar a empregabilidade e adaptación ás novas tendencias no sector da imaxe persoal (L’Oreal); Mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con Intelixencia Artificial (Viaqua); Optimización da xestión de inventarios no sector da moda mediante Intelixencia Artificial (Roberto Verino); Valorización das cinzas resultantes da combustión de biomasa (FINSA); Plataforma de economía circular mediante Intelixencia Artificial para o sector da moda (El Pulpo); Sistema integral de localización e xestión de vehículos en talleres de automoción (Pérez Rumbao); Solucións tecnolóxicas para fomentar a motivación e participación en terapias de rehabilitación (Fundación San Rosendo); Plataforma dixital para a xestión optimizada de recursos e persoal en grandes eventos (Diesemm); Redución do consumo de auga no proceso de pasteurización de refrescos (Coca-Cola); Sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química (Repsol); Mellora da inspección e control na construción modular de buques (Navantia); Sistema de embalaxe ecolóxico para a protección de mercadorías no transporte internacional (Santos Equipamento de Interiores); Método in vitro para a cuantificación de toxoides na produción de vacinas (Zendal); Mellora do proceso de pelado de castañas para a elaboración de marrón glacé (Grupo Cuevas); Sistema remoto para a inspección e reparación de soldaduras en tubaxes de difícil acceso (Offshore Windwaves); Produtos alternativos para reducir a estacionalidade nas plantas de biomasa (Grupo Gestán); Optimización da xestión de lodos orgánicos obtidos na produción de biogás (Quescrem); Sistema automático para a detección e control de fugas de auga en tempo real (EMAFESA); e Solución dixital para a automatización das medidas zootécnicas do gando (BOAGA).
Para o desenvolvemento das propostas, o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros prestará apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.
O programa, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia (Consellería de Educación), está deseñado para dotar ao alumnado de habilitades prácticas, preparándoos así para o seu futuro profesional.