Inoportuna caída de Fortnite

mércores, 29 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A tempada de Nadal parece estar a pasar factura ás plataformas para xogar en liña, e ao igual que a Nintendo eShop padeceu unha importante caída o día de Nadal, agora temos a Fortnite con problemas de conexión durante varias horas. Dende primeira hora da tarde apareceron problemas de distinta índole que remataron converténdose na imposibilidade de entrar en partidas en liña, o que probablemente resultase moi frustrante para os xogadores que querían aproveitar as vacacións de Nadal para botar unhas partidas en liña.
Paralelamente a Epic Games Store tiña problemas coa descarga, instalación e execución de xogos, polo que podemos entender que realmente estamos ante un problema cos servidores de Epic Games, polo que unha vez solucionados deberían recuperar a normalidade todos os xogos para PC, así como o Fortnite en todas as súas versións.
Ante incidencias como a actual non faltan voces que apuntan ao grande problema que provocan aos usuarios as políticas de protección contra a copia desta plataforma, xa que cando fallan os servidores de Epic é imposible xogar a títulos que non teñen modos de xogo en liña, o que dende o punto de vista do usuario carece de sentido (unha incidencia na Internet non debería impedir xogar a un título en propiedade e instalado en local).

ACTUALIZACIÓN: Finalmente os problemas cos servidores de Fortnite duraron máis de 7 horas seguidas, para desesperación de millóns de xogadores de todo o mundo, e non se comunicou información técnica sobre as causas do incidente.

PUBLICIDADE