Inscricións abertas para a xornada sobre IA e RRHH que organizan Vitae, o CPEIG, a AESIA, KELEA e Pintos & Salgado
martes, 11 de novembro do 2025
A Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) vai servir de escenario este 21 de novembro a unha xornada de balde dirixida a mostrarnos as boas prácticas profesionais da Intelixencia Artificial no ámbito dos Recursos Humanos. Trátase da actividade formativa e divulgativa O novo marco legal para o bo uso da IA en HR, organizada por Vitae Consultores, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), KELEA e o bufete galego especializado en novas ferramentas da información Pintos & Salgado. Desenvolverase en horario de mañá: de 10.50 a 14.00 horas.
Logo da recepción e apertura, o evento dará comezo cun relatorio de María Dorrego Fernández, responsable de talento en KELEA, e proseguirá da man de Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG.
Logo da pausa para o café as sesións continuarán con María Esteller Fernández, subdirectora de Informes e Infraestrutura en AESIA, e con Víctor Salgado, socio co-fundador do bufete Pintos & Salgado. A continuación virá a quenda do debate e preguntas.
A xornada afondará en cuestións concretas como a legalidade (ou non) de analizar o currículo dun profesional obtido en LinkedIN ou doutras fontes con IA Xenerativa ou na conveniencia (ou non) de obter o consentimento expreso dun profesional para avaliar e analizar o seu CV ou o seu datos profesionais con IA Xenerativa.
As entidades organizadoras contextualizan a xornada deste xeito: “A chegada da IA xenerativa abriu un novo horizonte para as empresas e para os departamentos de Recursos Humanos e Xestión do Talento. Permite automatizar tarefas, analizar perfís profesionais e optimizar procesos de selección e avaliación, pero tamén expón grandes retos legais e éticos”.
Neste evento as persoas participantes tentarán responder a este tipo de cuestións.
As inscricións están abertas a través da conta vitae@vitaedigital.com.
