Inscricións abertas para o 1º webinar sobre as oportunidades da normativa europea para o sector TIC galego

mércores, 4 de febreiro do 2026 S. P.

O Clúster TIC Galicia informou de que xa están abertas en liña as inscricións para participar no primeiro seminario en liña sobre as oportunidades que ofrece a normativa europea para o sector galego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Segundo informou o Clúster, a Unión Europea está a deseñar un amplo paquete de normativas para acadar os obxectivos de transformación dixital marcados pola propia Comisión ata 2030, e desde a agrupación “queremos acompañar ás empresas tecnolóxicas galegas neste proceso de adaptación e aproveitamento que supón a aplicación desta estratexia”.
Por iso, en colaboración co hub de innovación dixital DATAlife, o Clúster organiza un ciclo de webinarios de carácter gratuíto, centrado nas oportunidades estratéxicas e desafíos que representa este novo marco para o sector tecnolóxico, co obxectivo de explicar de forma clara e práctica como afecta esta “folla de ruta” europea ás compañías do noso sector:
-12 de febreiro. IA na práctica. Aspectos a ter en conta á hora de incluír a IA nos produtos e nos procesos internos.
-12 de marzo. A nova regulación en comunicación.
-16 de abril. A nova competencia dixital.
Cos estes webinarios o Clúster TIC quere anticiparse e analizar os cambios obrigatorios e os prazos de cumprimento, identificar novas oportunidades de negocio e vantaxes competitivas neste novo escenario e, tamén, comprender os retos técnicos e operativos e como abordalos con éxito.
O vindeiro xoves, 12 de febreiro, o Clúster convida ao sector a participar no primeiro seminario en liña do ciclo, centrado nos aspectos a ter en conta á hora de incluír a IA nos produtos e nos procesos internos, coa seguinte axenda:
11:30 Intervención de Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, e Lucía Castro Díaz, xerente de DATAlife.
11:40 h José Manuel Sendín, avogado de Sistemius, realizará unha análise práctica e aplicada sobre os factores clave que deben considerar as empresas ao incorporar solucións de IA, moderada por Andrés Sastre, director de proxectos do Clúster TIC Galicia, e na que se abordarán cuestións como a calidade e a gobernanza dos datos como base dunha IA fiable, o novo marco regulamentario europeo e as obrigas para provedores e usuarios, a propiedade dos modelos e os aspectos clave de propiedade intelectual, a xestión de riscos operacionais e éticos e as estratexias para integrar a IA con garantías en produtos e procesos internos.