Inspira STEAM chegou o curso pasado a 544 estudantes de Pontevedra e Ourense

martes, 7 de outubro do 2025 S. P.

O pasado venres 3 de outubro o edificio Redeiras acolleu o acto de presentación dos resultados do programa Inspira STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) da UVigo do curso 24-25. A iniciativa de mentoring que a institución académica viguesa puxo en marcha hai sete anos en centros de educación de primaria e secundaria co obxectivo de “fomentar o interese da xuventude pola ciencia e a tecnoloxía, con especial atención en espertar entre as mozas vocacións profesionais en sectores tradicionalmente masculinizados”, contou o curso pasado coa participación de 544 estudantes (298 rapazas e 255 rapaces) de 15 centros educativos das provincias de Pontevedra e Ourense.
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de empresas e centros de investigación como atlanTTic, CTAG, Gradiant, Optare Solutions, Beta Implants, Arenaria, Gestamp, GFT Technologies e Marine Instruments, o programa que supera nas súas sete edicións a participación de 3100 alumnas e alumnas, contou o curso pasado cun total 41 mentores (37 mulleres e catro homes). A través de sesións grupais, as persoas mentoras, científicas e tecnólogas que desenvolven a súa actividade profesional nos ámbitos académico, empresarial, investigación ou de xestión, traballaron co alumnado de 6º de primaria e 1º de secundaria de 14 centros de provincia de Pontevedra e un da de Ourense, en fomentar o interese do alumnado pola ciencia e a tecnoloxía, desbotar estereotipos de xénero que condicionan as carreiras e mozas e mozos e achegarlles referentes profesionais que as e os inspiren.
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, foron as encargadas de inaugurar o de presentación da edición 2025-2026 de Inspira STEAM, que continuou cunha mesa redonda na que tomaron parte Begoña Vila de Marine Instruments en representación das persoas mentoras; Mercedes Sousa vicedirectora do IES Frai Martín Sarmiento de Pontevedra, como representante dos centros educativos e Cristina Martín, directora de Talento e Persoas de Optare Solutions, en representación das entidades comprometidas con Inspira, conducidas pola técnica de Captación da UVigo Ana Caamaño. Como punto final realizouse unha entrega de diplomas a mentoras, centros e entidades colaboradoras.
Desde este venres 3 de outubro está operativa a plataforma na que centros educativos e persoas mentoras poden inscribirse para participar no programa que se desenvolverá ao longo do curso 25-26. O perfil tanto das mentoras coma dos mentores debe estar vencellado ás STEAM, ben sexa polos estudos ou pola carreira profesional, co obxectivo de promover as áreas STEAM entre o alumnado, especialmente entre as rapazas.