Insta360 GO, a cámara estabilizada máis pequena do mundo
mércores, 28 de agosto do 2019
Entre as
cámaras de 360 graos que hai no mercado conseguiron gañar moito prestixio nos
últimos meses as de Insta360 polo seu sistema de estabilización propietario,
que fai que os vídeos vaian moito máis suaves que os dos seus competidores en
gravacións nas que a cámara está en movemento, e aproveitaron o desenvolvemento
desta tecnoloxía para lanzar a Insta360
GO, que presume de ser a cámara estabilizada máis cativa do mundo.
A Insta360 GO está claramente enfocada ás redes sociais, de xeito que cando
prememos o seu botón grava até 30 segundos de vídeo (aínda que nos modos hyperlapse
e timelapse a duración da gravación pode ser moi superior) e coa aplicación
de edición FlashCut poden xuntarse os mellores cortes para conseguir montaxes
rapidamente grazas á selección realizada mediante intelixencia artificial.
A cámara mide 49,4 x 21,4 x 14,85 milímetros, pesa 18,3 gramos e subminístrase
cun estoxo de carga (que permite cargar a cámara até 2,5 veces) e varios
accesorios que facilitan a súa colocación no corpo mediante suxeición magnética
ou nun soporte que pode colocarse ou adherirse a distintas superficies.
A Insta360 GO pode disparar fotografías e vídeo, realizándose a captura de
xeito circular, de xeito que logo podemos exportar os contidos en formato
cadrado, horizontal ou vertical, adaptándose ás distintas redes sociais. Deste
xeito conseguimos contidos en vídeo Full HD adaptados á plataforma na que
queiramos publicalos, aínda que a resolución redúcese até 1.600 x 900 píxeles
se queremos tirar proveito da cámara lenta a 100 imaxes por segundo.
Temos así un pequeno accesorio que posibilita a creación de impresionantes
vídeos en primeira persoa nos que o movemento non marea ao espectador, que pode
tirar de efectos como a cámara lenta ou a rotación (barrel roll), que é
resistente á auga (soportando así as inclemencias meteorolóxicas e
salpicaduras) e que pode empregarse para gravar até 200 clips ao día, para logo
conectar o trebello ao smartphone e poder recompilar os contidos gardados para
poder narrar xornadas completas dun xeito dinámico e atractivo.
A Insta360 GO pode mercarse a un prezo de 229,99 euros, e podería converterse
en todo un éxito entre os influencers, trunfando onde fracasan as Spectacles
de Snap Inc. (coas que comparten algúns conceptos, pero que ao estar moi ligadas
a Snapchat resultan pouco prácticas).
- Cunha simple pulsación podemos facer que a cámara grave até 30 segundos de vídeo
- A cámara rexistra os contidos en circular, para adaptase aos formatos máis populares nas redes sociais
Vídeo promocional da nova cámara de Insta360