Insta360 pon á venda un estabilizador para o iPhone con seguimento nativo

mércores, 10 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Dende Insta360 sorprenden actualizando o seu estabilizador para móbiles Flow cunha versión Pro, que como principal novidade ten a compatibilidade co seguimento nativo do iPhone (Apple DockKit), sendo o primeiro estabilizador en contar con tal función, que permite manter o encadre en directos e videochamadas directamente coa aplicación de cámara do móbil e nas aplicacións de iOS nativas con seguimento panorámico infinito (ou sexa, que o usuario pode moverse ao redor todo o que queira manténdose sempre na imaxe).
O Insta360 Flow Pro é un estabilizador de 3 eixes, que integra pau de selfie e trípode, poden emparellarse cun simple toque mediante NFC, tira proveito da tecnoloxía de seguimento Deep Track 3.0 (que mellora a súa precisión e incluso é capaz de recuperar o encadre se a persoa que se segue desaparece temporalmente da imaxe, e incluso facilita o seguimento de mascotas), e ten un deseño encartable e portátil.
Estamos ante un produto ideal para quen quere realizar gravacións espectaculares de actividades deportivas ou outro tipo de secuencias nas que o seguimento teña especial importancia, pero tamén resulta práctico para quen quere gravarse a si mesmo sen axuda, ou incluso para quen quere realizar seminarios ou videoconferencias con certa liberdade de movemento sen ter que preocuparse por quedar fóra de plano.
Este novo estabilizador para móbiles véndese nun paquete estándar por 159 euros, estando tamén dispoñible unha versión que inclúe un Trípode Pro por 198 euros.

Vídeo promocional do Insta360 Flow Pro