Insta360 renova a súa cámara modular

martes, 22 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Dende Insta360 sorprenderon hai un par de anos cunha cámara de acción e 360 modular, e este dispositivo ten finalmente sucesor, a Insta360 ONE RS, unha cámara de acción 4K cun sensor de imaxe de media polgada e 48 Mpíxeles cunha estabilización de imaxe sen igual e capaz de recoller audio nítido, que grazas ao seu deseño modular pode equiparse cun obxectivo 5,7K de 360 (o mesmo que na cámara anterior) ou mesmo cun impresionante sensor grande angular dunha polgada e 5,3K de resolución deseñado por Leica. Amais esta cámara presume de resistencia, podendo incluso resistir auga até a 5 metros de profundidade.
O obxectivo de referencia desta nova cámara (4K Boost) pode usarse para gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo ou para disparar fotografías de 48 Mpíxeles, contando tamén con modo Active HDR (co que recolle moitos detalles que outras cámaras de acción non son capaces de captar) e un modo 6K Widescreen co que tiran proveito da resolución do seu sensor para gravar vídeo 6K en formato ultrapanorámico (2.35:1), conseguindo así gravacións con aparencia de cine.
O obxectivo de 360 permite modos de gravacións impresionantes, aos que xa están afeitos os usuarios de cámara de Insta360, como tamén acontece coa súa estabilización de imaxe, FlowState, que continúa mellorando para producir vídeos máis suaves que nunca, que poden compartirse ao instante en redes sociais dende a aplicación móbil de Insta360.
A nova cámara tamén incorpora un micrófono adicional para mellorar a calidade de son, a súa Wi-Fi vai un 50% máis rápido, conta cun menú rápido para axilizar o acceso aos modos de disparo e tamén conta con función de Instant Zoom para aplicar zoom de até 2,7x mentres se grava vídeo.
A Insta360 ONE RS pode adquirirse no seu modelo máis básico (co obxectivo 4K Boost) por 319,99 euros, mentres que o lote coa lente 4K, a lente 360, a lente de 1 polgada e varios accesorios chegaría até os 890,99 euros, existindo moitas outras configuracións de accesorios para facerse cunha das cámaras máis flexibles do mercado.

Vídeo promocional da Insta360 ONE RS

PUBLICIDADE