Instagram actualiza a cámara das historias

mércores, 9 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses era rara a semana na que Instagram non incorporaba novidades na súa aplicación, que na meirande parte dos casos chegaba na forma de adhesivo, o que supuxo unha certa complexidade a nivel de interface que dificulta que os novos usuarios poidan coñecer todas as posibilidades da aplicación, e por iso veñen de renovar a cámara das historias para presentar unha nova sección chamada Crear na que recollen funcionalidades moi utilizadas e fan máis doado o seu uso.
Cando entramos en Crear podemos facer directamente unha historia sen fotografía ou vídeo (para cando só queremos expresarnos cun texto), temos a opción de engadir unha imaxe GIF animada a unha historia, podemos crear unha conta atrás a un momento dado (coa posibilidade de disparar unha alerta cando o momento chegue), permite realizar cuestionarios, enquisas e preguntas dun xeito áxil e, como grande novidade, estrea unha prestación que era moi popular en Facebook: Un Día Como Hoxe. Esta nova opción permítenos recuperar unha publicación do pasado ou algún momento especial (como o aniversario da conexión con outro usuario de Instagram).

PUBLICIDADE