Instagram estrea un novo xeito de responder a imaxes e vídeos

xoves, 17 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses Instagram non deixa de introducir novidades na súa aplicación móbil, enriquecendo os xeitos de comunicarnos de xeitos que até hai pouco poderían parecer ridículos, pero que cada vez gozan dunha maior aceptación. Avanzando neste liña, e animando aos usuarios a conversar cos seus amigos en privado, Instagram estrea un novo xeito de responder con fotografías e vídeos, de xeito que agora, cando se responsa a unha imaxe oou vídeo específico e se comparta a entrada nunha mensaxe directa, a resposta incluirá de xeito automático un adhesivo co contido ao que se responde.
Esta función permite así integrar unha fotografía á que estamos a responder dentro dun selfie ou incluso ofrece a posibilidade de premer no adhesivo para que pase a verse a pantalla partida e, como vén a ser habitual, aplicar logo as modificacións que desexemos da imaxe resultando (engadindo texto, outros adhesivos, debuxando sobre a pantalla...).
Estas actualizacións chegan na versión 10.34 de Instagram tanto para iOS como para Android nas súas respectivas tendas de aplicacións.

JPEG - 194.7 KB
Se prememos no adhesivo podemos presentalo a pantalla partida

PUBLICIDADE