Instagram facilita a carga múltiple de fotografías e vídeos nas historias

martes, 24 de abril do 2018 Marcus Fernández

Para mellor a subida de fotografías e vídeos ás historias de Instagram vén de incorporarse un sistema de carga múltiple de contidos, de xeito que podemos subir varios contidos de vez, para logo poder revisar a historia enteira que queremos transmitir ou simplemente por se preferimos esperar a ter unha boa conexión á Rede para publicar os contidos do día ou, simplemente, para esperar a que remate completamente o que queremos contar antes de compartilo en varias historias.
O funcionamento desta nova opción é moi sinxelo, pois chega con facer unha selección múltiple como en practicamente calquera aplicación (cunha pulsación prolongada sobre o primeiro elemento a compartir) e unha vez seleccionados varios elementos poderemos velos en detalle e movernos entre os mesmos para revisalos e editalos coas ferramentas propias de Instagram. Cando rematemos de organizar e editar o que queremos compartir poderemos premer no botón de seguinte para que se suba todo nunha única operación.
Esta nova funcionalidade xa está dispoñible para Android e pronto chegará tamén a iOS.

PUBLICIDADE