Instagram permite que os elementos dun carrusel teñen cadansúa descrición

venres, 19 de xuño do 2026 Redacción

Instagram está a despregar unha das funcións máis demandadas polos seus usuarios: a posibilidade de asignar unha descrición diferente a cada diapositiva dun carrusel de imaxes ou vídeos. Ata agora, todas as publicacións deste tipo compartían un único texto común, o que limitaba as posibilidades narrativas e obrigaba a concentrar toda a información nunha soa descrición.
A novidade actívase mediante un sinxelo interruptor ao editar o texto da publicación. Unha vez habilitada a opción, cada fotografía ou vídeo do carrusel pode incorporar a súa propia descrición, permitindo acompañar cada elemento con explicacións, comentarios ou contexto específico.
A función abre a porta a novas formas de contar historias dentro da plataforma, especialmente para creadores de contido, medios de comunicación, marcas ou usuarios que empregan os carruseis para relatar acontecementos paso a paso. Tamén facilita a creación de publicacións educativas ou informativas nas que cada imaxe pode incluír a súa propia explicación sen depender dun texto xeral.
A funcionalidade xa comezou a distribuírse e chegará progresivamente aos usuarios nos vindeiros días. A novidade compleméntase coa ampliación do número máximo de elementos nun carrusel (que pasou de 10 a 20) permitindo agora combinar ata 20 imaxes ou vídeos con 20 descricións distintas, dando pé a creación de narrativas bastante complexas.