Instagram permite solicitar a participación nos directos dos amigos

martes, 21 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Dende Instagram están a actuar con decisión para promover o uso da realización de directos con amigos a pantalla partida, e para facer máis doado o uso desta prestación engaden un novo xeito de sumarse a unha retransmisión en directo: agora non será preciso esperar a unha invitación da persoa que realiza o directo, senón que poderemos solicitar participar.
Deste xeito, cando vexamos un directo dun amigo, en vez de limitar a interacción a comentarios de texto, poderemos solicitar dende a mesma sección a participación en vivo, o que fará que a persoa que retransmite reciba un aviso indicando o interese de unirse ao vídeo e, de aceptalo, a pantalla dividirase en dúas metades co vídeo de ambas persoas.
O responsable do directo pode cortar ao convidado cando queira e aceptar a outros amigos en calquera momento, dotando así aos directos dun dinamismo que até o momento era inédito. Rematada a retransmisión tamén poderase elixir se queremos que o vídeo do directo se manteña como historia para a súa reprodución en diferido durante 24 horas.

PUBLICIDADE