Instagram permitirá agrupar os Reels en series

xoves, 21 de agosto do 2025 Redacción

TechCrunch publicou en exlusiva que Instagram comezou a permitir que os creadores enlacen varios Reels nunha serie, incorporando así unha funcionalidade dispoñible en TikTok, co obxectivo de facilitar que os usuarios poidan seguir e descubrir contidos relacionados.
A novidade permitirá que, se un creador está a contar unha historia en varios vídeos ou con segundas partes, poida vincular todo o conxunto para que os seguidores non teñan que buscar ou desprazarse para atopar as diferentes entregas. Ata o de agora era habitual que os creadores pedisen volver «para ver a parte 2» ou que os usuarios tivesen que procurar actualizacións. Con esta mellora, o contido queda organizado nunha serie que se pode seguir de maneira máis doada.
Ademais de ser útil para sagas narrativas, a función tamén pode empregarse para agrupar vídeos de temática similar. Por exemplo, un creador que publique varias receitas de outono poderá reunilas todas na mesma serie para que resulten máis accesibles.
Os Reels poden enlazarse no momento de engadir a descrición ou a través do menú de opcións dun vídeo xa publicado. Unha vez creados, os usuarios poderán pasar ao seguinte Reel mediante un novo botón situado na parte inferior esquerda da pantalla.
Instagram sinala que se trata dunha función moi demandada e que axudará a enriquecer a narrativa, mantendo á audiencia enganchada durante máis tempo, o que tamén pode incrementar o tempo de reprodución e favorecer que os espectadores ocasionais se convertan en seguidores.