Instagram permitirá destacar historias para que non se perdan tras 24 horas

martes, 5 de decembro do 2017 Marcus Fernández

As historias de Instagram están a ter cada vez máis importancia, polo que en moitos casos é unha mágoa que estes contidos efémeros deixen de estar dispoñibles ao cabo de 24 horas, de aí que agora presenten un par de ferramentas dentro de Instagram para facilitar o uso deste formato para expresarnos máis: as historias destacas e o arquivo de historias.
As historias destacadas serán unha nova sección dentro do noso perfil de Instagram, que aparecerán xusto baixo a nosa biografía a xeito dunha serie de círculos con historias que poderemos elixir de entre todas as que estean no noso arquivo privado, facendo así que calquera poida acceder ás mesmas pese a ter pasado 24 horas dende a súa publicación orixinal. É unha funcionalidade moi práctica que pode axudar a que outras persoas poidan facerse unha idea dos tipos de contidos que publica alguén, sen ter que seguilo durante varios días para iso. Tamén resulta de utilidade para que grandes momentos do pasado poidan manterse máis tempo visibles.
O arquivo de historias, pola súa banda, vén a ser o equivalente ao arquivo de publicacións de Instagram, só que desta volta os contidos son privados e só pode velos o autor, de xeito que de querer recuperar unha historia hai que compartila a través das antes mencionadas historias destacadas. Non estamos ante unha función pensada só para complementar a anterior, senón que tamén persegue que os usuarios poidan revisar os seus momentos favoritos do pasado. As historias gárdanse de xeito automático neste arquivo, agás que o usuario decida desactivar tal opción dende a configuración da súa conta.

Vídeo no que presentan as novas ferramentas de Instagram

PUBLICIDADE