Instagram permitirá editar as historias mediante IA
xoves, 23 de outubro do 2025
Meta deu un novo paso na integración da intelixencia artificial dentro de Instagram coa función Restyle, que permite modificar fotos e vídeos das historias de xeito simple e creativo. A nova función ofrece aos usuarios a posibilidade de eliminar elementos non desexados, engadir obxectos decorativos, cambiar o ambiente dunha imaxe con efectos especiais ou mesmo iniciar novas tendencias mediante os adhesivos Ahora tú.
A ferramenta está dispoñible directamente desde o editor de historias, premendo no símbolo “+” do perfil e seleccionando a opción restyle na barra superior. A partir de aí, o usuario pode describir en texto o que quere modificar, elixir efectos predeterminados ou explorar máis opcións a través dun navegador de efectos integrado. Unha vez xerada a nova imaxe ou vídeo, só hai que aceptar os cambios e compartir o resultado.
O obxectivo é ofrecer liberdade creativa, tanto para pequenos retoques como para transformacións completas. As funcións añadir, borrar e cambiar permiten, por exemplo, borrar un fondo, cambiar a cor do cabelo, engadir un sombreiro, ou crear un ambiente diferente cun solpor de fondo. Tamén se inclúen efectos predefinidos como lentes de sol, chaqueta de motorista ou roupa negra, que poden combinarse para experimentar con estilos de moda ou atmosferas visuais como a acuarela ou o film noir.
A función tamén está dispoñible para vídeos curtos, permitindo alterar o estilo, o fondo ou mesmo o vestiario das persoas que aparecen neles. Entre os exemplos que ofrece Meta están os escenarios submariños, as paisaxes nevadas ou os efectos de lume e faíscas arredor do suxeito.
A compañía recomenda describir con detalle o que se desexa obter para acadar mellores resultados, especificando aspectos como o suxeito («engadir unha coroa na cabeza da rapaza»), a iluminación («crear un foco de luz dramática»), a composición («na esquina inferior esquerda») ou o estilo («aparencia fotorrealista»).
Outro dos elementos destacados é o adhesivo Ahora tú, que permite compartir os mesmos efectos e transformacións cos amigos, fomentando así a creación de tendencias virais dentro da plataforma. Premendo nel, calquera pode aplicar a mesma modificación a unha foto propia e publicar o resultado.
