Instagram por fin se adapta ao iPad

mércores, 3 de setembro do 2025 Redacción

Instagram anuncia a súa chegada ao iPad cunha aplicación deseñada especificamente para aproveitar o maior tamaño de pantalla, atendendo a unha histórica esixencia dos usuarios, cansos de ter que gozar dunha experiencia de uso ridícula ao contar nunha tableta cunha aplicación de móbil sen adaptar.
Ao abrir Instagram no iPad, a aplicación leva directamente a Reels, co obxectivo de potenciar o entretemento en formato de vídeo curto. As Stories seguen estando dispoñibles na parte superior, e a mensaxería queda a un só toque de distancia.
Outra das novidades é a incorporación da lapela Seguidos, que ofrece tres opcións para seguir as actualizacións das contas favoritas: Todo (publicacións e Reels recomendados de contas seguidas), Amigos (contido recomendado de contas seguidas que tamén seguen ao usuario) e Último (orde cronolóxico das publicacións máis recentes). O usuario pode decidir a prioridade con que se mostran estas vistas.
O deseño para iPad tamén incorpora disposicións que facilitan acceder ás mensaxes e notificacións con menos toques. Ao ver un Reel, é posible expandir os comentarios mantendo o vídeo a pantalla completa, de xeito que se poden seguir as reaccións sen perder detalle do contido.
Instagram para iPad comeza a súa despregadura global en dispositivos con iPadOS 15.1 ou posterior e xa se pode descargar de balde na App Store. A versión con deseño específico para tableta chegará tamén a Android nas vindeiras semanas.

A aplicación permite agora aproveitar o espazo da grande pantalla do iPad