Instagram prepara novas vías para que os influencers teñan ingresos

mércores, 27 de maio do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos meses Instagram está a experimentar con novos xeitos de permitir que os creadores de contidos poidan facer cartos na súa plataforma, como un xeito para retelos e evitar a fuxida a outras plataformas, e tras anunciar varias medidas como a posibilidade de poder integrar a venda de produtos nos directos, adiantan agora un programa que polo momento está limitado a un grupo reducido de creadores que permitiralles compartir beneficios da publicidade en IGTV e beneficiarse da venda de insignias nos directos de Instagram.
A semana que vén IGTV comezaría a amosar anuncios nun par de centos de contas aprobadas de creadores de fala inglesa, cos que compartiría o 55% da publicidade, estando previsto que este modelo chegue máis adiante ao resto do mundo, facendo atractivo para os creadores a publicación de contidos en Instagram, plataforma que así avanzaría no seu obxectivo de ser unha alternativa a YouTube á hora de acoller a influencers e creadores de contidos profesionais.
Estes anuncios terán unha duración de até 15 segundos, e amosaranse ao comezo da reprodución de vídeos de ITGV, aplicándose ríxidas políticas sobre a aceptación dos vídeos que poidan beneficiarse deste tipo de ingresos, para evitar que unha marca poida verse prexudicada pola asociación dos seus anuncios con contidos polémicos (política que tamén YouTube aplica actualmente, e que desta volta chegaría dende o comezo para evitar futuros conflitos). Isto significa que durante a primeira fase deste programa publicitario os vídeos de IGTV revisaranse manualmente por persoas, para que no futuro poida aplicarse un mecanismo que mesture a revisión humana coa revisión mediante software.
No que se refire aos directos de Instagram, tamén avanzan que será posible vender insignias durante os mesmos, que terán un prezo de 0,99, 1,99 e 4,99 dólares, e que estarán inicialmente dispoñibles para un grupo reducido de creadores, para espallarse logo en EE.UU., Brasil, Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Turquía, México e España. Estas insignias permitirían que durante unha retransmisión un espectador chame a atención do creador ao figurar os seus comentarios de xeito prioritario. Este tipo de ingreso iría directamente aos creadores, polo que podería converterse nunha importante fonte de ingresos para moitos influencers que poderían depender máis da interacción directa cos seus seareiros que da relación con anunciantes.

PUBLICIDADE