Instagram proba a ocultar os gústames a nivel mundial

xoves, 14 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Dende Instagram están a realizar probas do que podería chegar a ser un cambio profundo no funcionamento desta plataforma social, que consistiría en agochar os gústames de cada publicación, de xeito que os usuarios podería saber a quen gustaron as súas publicacións, pero tal cantidade non sería visible para terceiros, co que buscan que os usuarios atenden aos contidos pola súa afinidade aos mesmos e non porque vexan que gustan a moita xente.
Esta funcionalidade leva meses probándose en distintos territorios, pero agora aseguran que as probas están a realizarse entre un número reducido de usuarios, pero de todo o mundo, o que dá a entender que este programa piloto está a funcionar ben, e vai camiño de converterse nunha prestación oficial.
A aplicación desta medida está a tomarse con cautela, porque podería prexudicar seriamente a moitos creadores e influencers, xa que resultaría difícil que puidesen facer visible o seu nivel de éxito, afectando tanto aos seus ingresos como aos seus ritmos de crecemento.
Agochar o número de gústames obrigaría a que Instagram achegase ferramentas para que os patrocinadores puidesen saber da difusión que teñen as publicacións pagadas, xa que non poden fiarse unicamente da palabra do influencer contratado.

PUBLICIDADE