Instapaper suspende o servizo en Europa por mor do RXPD

xoves, 24 de maio do 2018 Marcus Fernández

Os usuarios de Instapaper, servizo iniciado hai máis de dez anos por Marco Arment e vendido a Pinterest en 2016, están a recibir unha advertencia indicando que a partires de hoxe o acceso ao servizo suspenderase temporalmente para os residentes en Europa mentres realizan os cambios para adaptarse ao Regulamento Xeral de Protección de Datos que entra en vigor mañá. Descúlpanse ante o feito e aseguran que procurarán restaurar o acceso o antes posible.
Brian Donohue, director de enxeñaría de produto de Pinterest e anterior CEO de Instapaper, asegura en Twitter que non pode comentar os detalles sobre os motivos que levaron á suspensión do servizo, pero insiste en que están a traballar para resolver o problema.
Este tipo de actuacións resulta moi preocupante, xa que as empresas tiveron un par de anos para adaptarse á lexislación, e o feito de que nin sequera tomasen medidas a última hora, e teñan que suspender o servizo ante o temor de sancións dá a entender que a meirande parte dos servizos en liña realmente non están adaptados ao RXPD, e simplemente confían en non ter problemas, o que en casos de plataformas con millóns de usuarios sería unha grande irresponsabilidade.

PUBLICIDADE