Insulclock: tecnoloxía galega para automatizar todo o proceso da administración de insulina

venres, 20 de novembro do 2015 Redacción

Entre as iniciativas impulsadas nesta nova edición (a segunda) do centro de crowdworking Galicia Open Future (posto en marcha por Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura) atópase un proxecto tecnolóxico xa consolidado que serve de exemplo ilustrativo de en que consiste o concepto eSaúde (integración das máis avanzadas e estendidas tecnoloxías con servizos destinados a mellorar a calidade de vida persoas doentes ou dependentes). Falamos de Insulclock, un proxecto para desenvolvemento de dispositivos de última xeración para a administración de insulina e control da diabetes. As tecnoloxías deseñadas ao abeiro de Insulclock non só teñen potencial de abondo como para complementar os métodos tradicionais de acubillo e rexistro das anotacións sobre doses e tempos, senón mesmo para substituílos por completo. E co engadido de borrar dun sopro calquera posibilidade de erro ou trampeo.
Segundo informa GCiencia nunha completa e exhaustiva reportaxe sobre o alcance do proxecto Insulclock, os dispositivos postos en xogo son de pequeno tamaño e están deseñados para seren colocados en calquera pluma de insulina. Cando a aplicamos o trebello subministra información sobre a dose (por Bluetooth) a unha aplicación móbil de maneira automática e sen que o usuario deba intervir. Esta información achega claves sobre o tempo de administración, as cantidades ou a temperatura da insulina aplicada. Os datos fican acubillados dende o intre da inxección para que logo calquera facultativo ou persoa próxima ao doente poida recuperalos. Os responsábeis de Insulclock estiman que a tecnoloxía chegará ao mercado ao longo do primeiro semestre de 2016.
Segundo explica máis en detalle Jesús Pérez, director de Insulclock, “a tecnoloxía desenvolvida supón sobre todo calidade de vida, porque permite automatizar todo o proceso para pautar ben a administración da insulina con só facer a inxección”. Ademais, engade, posibilita crear alertas, de gran utilidade para o caso de nenos que se administran sós o persoas dependentes ou pacientes que teñen que aplicarse insulina moitas veces nun día.
Segundo engade o dito xornal en liña, xa hai varios colectivos de pacientes interesadas polo proxecto, por exemplo a Asociación de Diabéticos de Vigo ou a Asociación Áurea, de Ourense. Ademais, probarase en centros de saúde da nosa terra ao longo dos vindeiros meses.

PUBLICIDADE