Intel abandona o proxecto OLPC

venres, 4 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O portátil XO de OLPC xunto a un Classmate PC de Intel

Intel anunciou este xoves que abandona o proxecto One Laptop Per Child promovido polo profesor Nicholas Negroponte e que pretendía achegar portátiles de 100 dólares a nenos de países en vías de desenvolvemento, pois dende a organización pretendían que Intel deixase de soportar outras solucións tecnolóxicas coma o Classmate PC, que era a alternativa que Intel desenvolveu ó portátil XO de OLPC.
A directiva do proxecto recoñeceu que pediron a Intel que «deixase de apoiar plataformas non-OLPC incluíndo o Classmate PC e outros sistemas». O fabricante de procesadores participou no proxecto durante 6 meses, pero a postura do resto de integrantes da directiva forzaron á empresa californiana a deixar de lado ó proxecto OLPC para poder seguir traballando en solucións alternativas.
O voceiro de Intel, Chuck Mulloy, declarou que «sempre dixemos que habería varias solucións. A maoir prioridade é servir a necesidade», aínda que a política do proxecto parece provocada pola dificultade de competir con outras iniciativas semellantes, principalmente por mor dos prezos do seu produto final, que actualmente está en 200 dólares, e resulta difícil de reducir se non incrementan a súa base de equipos de xeito importante (a maior volume, menores prezos de fabricación).