Intel presenta os seus novos procesadores Centrino

xoves, 10 de maio do 2007 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles esixen cada día máis potencia e autonomía, de aí que os fabricantes de procesadores coiden os seus produtos para combinar axeitadamente velocidade e consumo, sendo Intel que está a acadar toda a atención nos últimos días coas palabras Santa Rosa, que describían á nova xeración de procesadores Centrino, que veñen de presentarse.
Os novos procesadores pasarán a coñecerse coma Intel Centrino Duo e Intel Centrino Pro, e destacan por incrementar a súa velocidade de bus ata os 800 MHz, axustar de xeito automático a velocidade e o consumo de cada un dos núcleos integrados, duplicar o alcance das súas conexións sen fíos e incorporar caché de ata 4 Mb, aínda que tamén se poderán complementar coa tecnoloxía Intel Turbo, que mellora o rendemento do acceso a datos e reduce o consumo enerxético mediante discos híbridos (que mesturan tecnoloxías mecánicas con memorias de estado sólido).
Nos últimos días moitos fabricantes se adiantaron a Intel anunciando os seus novos modelos incorporando a tecnoloxía Santa Rosa, co obxectivo de dar a coñecer os seus últimos produtos en aproveitar os últimos adiantos técnicos, pero ata o momento non se coñecían os detalles da nova xeración de procesadores móbiles de Intel e, principalmente, a súa división nas familias Duo e Pro, que se diferencian especialmente polo feito de que os procesadores profesionais inclúen seguridade integrada e proactiva, xestión unificada e capacidade de reparación remota, que facilitarían a súa xestión e reparación.
Os novos procesadores sairán inicialmente a velocidades de entre 1,4 e 2,4 GHz, mellorarían a velocidade de bus dos 667 MHz actuais á 800 MHz, melloran a súa capacidade gráfica coa integración das tarxetas Intel GMA X3100 que soportarán DirectX 10 (ou sexa, que serían ideais para Windows Vista), incrementan a duración das baterías, poden reducir os tempos de carga (no caso de integrar a tecnoloxía Intel Turbo Memory) e establecerían comunicacións sen fíos máis rápidas e con meirande cobertura, xa que soportarían conexións 802.11n. Toda unha suma de elementos que, pese a non ser revolucionarios, melloran substancialmente o rendemento dos novos portátiles, o que agradecerán os usuarios que desexen utilizar sistemas operativos coma Windows Vista ou aplicacións multimedia (xogos incluídos).

PUBLICIDADE