IntelligenTIC achega propostas para afianzar o camiño de tres vilas galegas cara ao concepto de Smart City

mércores, 29 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Recanto do casco vello de Verín, incluída nas propostas xunto coa súa irmá portuguesa, Chaves

IntelligenTIC, unha iniciativa para impulsar as cidades conectadas liderada dende a nosa terra pola asociación empresarial INEO, está a achegar xa importantes mostras de actividade. Segundo nos conta a entidade que preside Jorge Cebreiros, ao abeiro de IntelligenTIC fíxose posíbel a elaboración de propostas de mellora individualizadas para Monforte de Lemos, Nigrán e a Eurocidade Chaves-Verín, e todo “co obxectivo de maximizar a eficiencia de cada unha delas e transformalas, na medida do posíbel, en comunidades intelixentes”. Isto significa, entre outras cousas, que as devanditas localidades sumaríanse á experiencia de ensaiar en vivo, a través de IntelligenTIC, o modelo de cidade dixital que nos espera, xa, á volta da esquina. Un modelo de cidade mellor xestionada, con meirandes capacidades de mobilidade, máis sustentábel e ecolóxica e mellor integrada.
O proxecto IntelligenTIC, posto en marcha pola asociación INEO e máis a Agrupación Empresarial Innovadora de Seguridade, ten o obxectivo de sentar os alicerces para un desenvolvemento racional, eficiente e coordinado do concepto Smart Cities & Communities. A través deste proxecto, avalíanse as cidades intelixentes de maior suceso e extrapolaranse os seus resultados a aquelas localidades que estean a dar os primeiros pasos neste eido. A iniciativa presentouse oficialmente o 29 de novembro de 2012, no Congreso Nacional de Cidades Intelixentes, que reuniu en Ponferrada a todos os axentes implicados no desenvolvemento do devandito concepto en España.
Polo tanto, IntelligenTIC pretende tirar o máximo rendemento da experiencia e dos coñecementos xerados xa para trasladar esta bagaxe acumulada a cidades e vilas que inician agora este vieiro. Por exemplo as que citamos ao comezo deste artigo: as galegas Monforte, Nigrán e Verín, coa implicación da portuguesa Chaves a través dos seus múltiples vínculos con Verín.
Este proxecto de INEO céntrase tamén na identificación de puntos de encontro entre as AEI`s implicadas nos seis alicerces dunha Smart City: economía, persoas, goberno, mobilidade, medio ambiente e vida diaria. Co obxectivo de desenvolver proxectos trans-sectoriais, integrados nunha estratexia común de sustentabilidade e eficiencia.
Segundo nos conta Jorge Cebreiros, presidente de INEO, o tipo de cidades que na actualidade están a levar a cabo as devanditas iniciativas son urbes de máis de 150.000 habitantes, pois son as que contan con máis recursos. Ante esta situación, INEO e os compañeiros de viaxe identificaron unha oportunidade ben nidia: os municipios con menos de 150.000 habitantes. “Estes núcleos de menor tamaño”, explica Cebreiros, “constitúen un mercado potencial porque as súas necesidades poden ser cubertas por tecnoloxías e servizos producidos por empresas de tamaño máis reducido, como as PEME, máis próximas ao territorio concreto e cunha maior flexibilidade á hora de variar e adaptar os modelos de negocio asociados aos novos servizos das Smart Cities”.
Con todo, o traballo de aplicación total do coñecemento xerado nas vilas de menos de 15.000 habitantes terá, como non, os seus atrancos. Segundo informa INEO, despois da análise particular das áreas xeográficas analizadas no proxecto, identificáronse algúns problemas comúns a todas elas:
· Ampliar o coñecemento interno dentro dos municipios que facilite a comunicación entre as persoas involucradas nos procesos de traballo.
· Aumentar a comunicación cidadán-Concello que, a día de hoxe, é máis Concello- cidadán.
· Mellorar a xestión dos recursos para aumentar a súa eficiencia.
· Solucionar os problemas derivados do incremento da poboación en determinadas épocas do ano que agravan a necesidade asistenciais e de mobilidade.

PUBLICIDADE