Internaco presenta no Campus Terra os últimos avances en agrotech
martes, 18 de xullo do 2023
O
grupo galego Internaco, con
sede en Ordes, protagonizará unhas xornadas sobre agrorobótica
organizadas esta semana pola Escola Politécnica Superior de
Enxeñería (EPSI) do Campus Terra, da Universidade de Santiago
(USC). O obxectivo, en palabras da empresa, é “trasladar aos
alumnos do Grao de Robótica de Lugo (único en España) e a
estudantes de disciplinas relacionadas con este ámbito a importancia
da innovación na agricultura do futuro, así como as perspectivas
que se abren coa implantación da robotización nos traballos do
campo”.
Segundo
engade o grupo sobre os porqués desta xornada, “o futuro do sector
agrícola pasa sen dúbida pola innovación, e neste contexto a
agrorobótica preséntase como un sector en clara expansión cunhas
perspectivas dun rápido crecemento”.
Con
este enfoque, a Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus
Terra elixiu a Internaco para protagonizar a xornada de portas
abertas que se celebrará o vindeiro mércores, 19 de xullo, no salón
de actos da EPSI de Lugo.
O
programa desenvolverase desde as 9.30 horas.
Trátase
dun ciclo de conferencias e demostracións prácticas nas que
Internaco trasladará aos asistentes a súa longa experiencia no
sector da innovación e a dixitalización do sector agrícola,
forestal e de xardinería. “Trátase dunha aposta pola
modernización na que levamos profundando desde o noso nacemento, hai
xa case 50 anos a través de marcas líderes como a sueca Husqvarna e
a través da empresa AG/AG Group”, indican.
Internaco,
en concreto, mostrará a súa visión sobre a robotización dos
traballos relacionados coa agricultura e a xardinería, así como as
perspectivas de futuro sobre a súa implantación en España.
Para
iso, Sergio Grau, director de vendas de AG/AG Group, fará unha
presentación do grupo empresarial creado en 1976 e especializado na
comercialización de solucións innovadoras, competitivas e de
calidade, con produtos e servizos orientados ao coidado de espazos
naturais a través dunha ampla e especializada rede de distribución.
A súa aposta pola agrorobótica reforzouse nos últimos anos coa
incorporación de marcas de referencia no sector. Unha das máis
significativas é a sueca Husqvarna, que destaca no dito ámbito de
traballo coa súa liña de robots Husqvarna Automower, que ofrece
solucións para cada tipo de céspede dun modo sustentábel e
respectando a biodiversidade en cada espazo.
As
conferencias contarán tamén coa presenza de Carlos Rivera (xestor
de produto de Automower), que centrará o seu relatorio na
modernización, a evolución e o futuro da robótica no sector do
campo e xardín.
A
xornada completarase con outras dúas intervencións sobre a
innovación no ámbito da horticultura e o viñedo a través da
presenza de representantes de AG/AG Group, que forma parte do grupo
Internaco desde 2022.
Pola
súa banda, Josep Dalmases e Sophie Graillot abordarán aspectos
destacados dos robots agrícolas das marcas FramDroid e Naïo que
AG/AG Group distribúe en España e Portugal.
Ademais
dos relatorios, as xornadas organizadas pola Escola Politécnica
Superior de Enxeñería de Lugo inclúen, a partir das 12.30 horas,
demostracións que se realizarán nos campos de prácticas da EPSI.
Os asistentes poderán ver en funcionamento dous dos robots
fabricados pola empresa francesa Naïo Technologies: o modelo TED,
para traballos en plantacións de viñedo, e o modelo OZ, para
tarefas en explotacións hortícolas.