Internet xa é o medio número un do mundo

mércores, 13 de outubro do 2010 Raquel Noya

Finalmente chegou o día! Segundo unha nova enquisa mundial de TNS chamada Digital Life, da que din ser “a máis grande desenvolvida ata a data para medir o comportamento en liña”, Internet xa é o medio máis usado polas persoas con acceso a ela en todo o mundo. Desbancadas a prensa, a radio e agora tamén a televisión, a Rede pasa a ser na actualidade o medio máis consultado polos internautas de todo o planeta para manterse informados, e tamén, grazas ás redes sociais, para manter o contacto con amigos e familiares de maneira virtual. Deste xeito, e segundo datos extraídos da devandita enquisa, o 61 por cento das persoas con acceso en liña usa a Rede tódolos días, fronte ao 54 por cento que ven a televisión, o 36 que escoita a radio e o 32 que len os xornais. Os internautas atopan na Rede todo o que precisan para manterse ao día e, grazas á penetración de Internet a través do móbil, este medio camiña a pasos axigantados incluso nas nacións emerxentes, onde os usuarios de Internet tenden a ser os usuarios máis frecuentes que os seus pares no mundo desenvolvido. Xa que logo, a Internet móbil é a próxima gran tendencia para as redes sociais: nos EEUU o 33 por cento dos consumidores en liña esperan facer máis relacións sociais a través do teléfono móbil durante o vindeiro ano, comparado co 26 por cento que agarda facer networking a través do PC ou un laptop.
En Australia, as cifras son 26 e 44 por cento respectivamente, e en Suecia, o 28 e o 53 por cento.

PUBLICIDADE