Intervida vende camisetas solidarias a través da Rede

luns, 5 de maio do 2008 Raquel Noya

Conscientes de que nos tempos que corren as camisetas de toda a vida (case) serven máis para transmitir mensaxes solidarias e de protesta ca para vestir, a fundación Intervida vén de pór en marcha unha actividade de venda de prendas solidarias a través de Internet para financiar os proxectos de desenvolvemento e mellora das condicións de vida das poboacións máis vulnerables que están a levar a cabo por todo o mundo.
A web creada para este fin, camisetasolidaria.com, pon a disposición dos usuarios un total de oito modelos diferentes desta peza de roupa deseñada especificamente para difundir distintas mensaxes de sensibilización, tales como a campaña Dales voz contra a explotación sexual comercial infantil ou a importancia da educación para o desenvolvemento no mundo da solidariedade.
As camisetas están dispoñibles en distintos tamaños e os prezos oscilan entre os 8 e os 20 euros dependendo da talla e do modelo (tamén hai modelos infantís).
A rede camisetasolidaria.com é un servizo de tenda en liña onde se reúnen as prendas de varias ONGs co obxectivo de facelas chegar tamén a un público non vinculado ás actividades solidarias.
A navegación por este sitio é práctica e visual grazas a que dispón dun catálogo fotográfico que mostra tódolos modelos, con clasificacións por tipos de prenda e categoría (home, muller, unisex, infantil), por temática do deseño (medio ambiente, cooperación, pacifismo, axuda humanitaria, dereitos humanos, refuxiados...) e tamén pola ONG á que pertence a camiseta.
Intervida pretende, con esta iniciativa, chegar á xente de todo o mundo e transmitir unha mensaxe universal de solidariedade para contribuír ó desenvolvemento humano e sostible das poboacións máis vulnerables.

PUBLICIDADE