Inverbis lanza unha ferramenta que permite comparar a execución de procesos entre centros hospitalarios
venres, 8 de agosto do 2025
A empresa galega de innovación tecnolóxica Inverbis presenta SalusBench, unha solución orientada a optimizar a eficiencia de hospitais, laboratorios e centros asistenciais mediante a análise comparativa de procesos, sen expoñer información sensible. Segundo informou o Clúster TIC Galicia, do que forma parte Inverbis, esta ferramenta, aliñada coa estratexia europea de espazos de datos, aplicarase inicialmente no demostrador multisectorial xestionado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), “situando Galicia como referente en dixitalización sanitaria avanzada”.
SalusBench permite aos centros sanitarios avaliar de maneira continua e obxectiva o seu rendemento clínico e organizativo. A través da aplicación de IA e técnicas de minería de procesos, “transforma rexistros reais en métricas claras que facilitan a detección de atrancos, incumprimentos de protocolos e oportunidades de mellora en tempo real, nun contorno ético, interoperable e seguro”, engade o Clúster TIC, sinalando que “a ferramenta emprega estándares internacionais de datos específicos do ámbito da saúde e aplica sólidos mecanismos de gobernanza para garantir a soberanía dos datos, permitindo aos centros comparar os seus resultados con organizacións equivalentes sen comprometer nin a identidade institucional nin a dos pacientes”.
Grazas a todo o dito, indicadores clave como o tempo entre diagnóstico e tratamento, a duración das actividades clínicas, a repetición de tarefas, o cumprimento dos protocolos ou a xestión de colas en urxencias e quirófanos poden analizarse e compararse automaticamente de forma segura.
A posta en marcha de SalusBench no demostrador DATAlife xestionado polo CESGA é o primeiro paso do seu proceso de proxección internacional, coa vista posta na súa conexión con outros espazos de datos europeos no futuro. Este proxecto foi financiado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
