Investigadoras da UVigo achegan propostas para facer fronte ao machismo dixital
venres, 27 de setembro do 2024
Co obxectivo de comprender as claves do machismo dixital e as súas moitas e variadas manifestacións, a Universidade de Vigo vén de publicar o libro Hackeamos o patriarcado. Unha análise do machismo dixital, o terceiro volume da Colección Feminismos en colaboración coa editorial Galaxia.
Na presentación oficial deste libro, celebrada xoves 26 de setembro no edificio Redeiras, estiveron presentes a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda; a profesora da EE de Telecomunicación e investigadora de atlanTTic Soledad Torres, coordinadora do libro e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, así como a deputada de Igualdade, Sandra Bastos e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.
Segundo explicaron, o libro xorde dentro da colaboración ente a Universidade de Vigo e a Editorial Galaxia na Colección Feminismos, a través da Unidade de Igualdade, polo interese que cada vez ten a análise da sociedade dixital en clave de xénero. Como explicou a directora da Unidade de Igualade, “detectamos a unha serie de investigadoras que, no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo ou no marco de outras iniciativas de investigación e divulgación, estaban a traballar nesta temática dende diferentes puntos de vista e, por iso, propuxemos a Galaxia facer un volume arredor desa temática”.
Pola súa banda, a deputada Bastos remarcou que “as desigualdades de xénero amplifícanse no mundo dixital, onde non hai barreiras temporais e xeográficas, nin, por tanto, refuxio. Nas redes sociais, a violencia contra as mulleres e as disidencias sexuais e identitarias multiplícase”. Fronte a esta realidade, neste libro “achéganse os resultados de sete investigacións que se desenvolveron na Universidade de Vigo nas que se analizan estes problemas e se propoñen solucións e referentes para que o mundo dixital sexa un espazo seguro e de crecemento para todas”, salientou.
No capítulo Unha ollada feminista á asistencia dixital, do que a propia Soledad Torres é coautora, analízase os chatbots dende unha perspectiva feminista, incluíndo tanto asistentes virtuais como Siri como outros sistemas de atención ao cliente. Os resultados, detalla Torres, amosan que “as persoas que desenvolven estes chatbots precisan formación en xénero porque están reproducindo estereotipos sexistas, empregan linguaxe non inclusivo e mesmo toleran bromas machistas ou agresións por parte dos usuarios”. Ademais, case todos os asistentes teñen xénero feminino, “reproducindo ese rol de mulleres dispostas a atender as necesidades dos demais”.
Un segundo capítulo céntrase nas violencias de xénero dixitais e reflexiona sobre as súas causas da súa constante proliferación. Os seus autores sinalan, entre outros motivos, que “raras veces ten consecuencias e que quen xestiona as redes rara vez ten interese en atallar ese fenómeno”. Tamén apuntan a que a persoa que exerce a violencia non ten contacto coa vítima e, polo tanto, “non pode ver de primeira man cales son as consecuencias e os impactos destas violencias”. Ademais tamén apuntan á viralización, “porque os algoritmos que rexen estas redes potencias a visibilidade de determinadas mensaxes e perfís porque xeran máis visitas”.
Outro dos estudos recollido aborda a importancia de deseñar algoritmos que detecten a violencia de xénero dixital. Este proxecto desenvolve sistemas de proceso de linguaxe natural que permiten localizar comentarios machistas en redes sociais e, o tempo, analizar o perfil da persoa vítima, do vitimario ou tipo de comentarios. Como detalla Torres, este prototipo “demostra que a tecnoloxía está dispoñíbel” e “ten unha aplicación potencial moi interesante e poderosa, que é tomar medidas para evitar ese tipo de violencias. No momento no que existe unha ferramenta que detecta este tipo de comportamentos, pode empregarse para banear eses usuarios e borrar comentarios”.
O libro tamén se ocupa de analizar os motivos polos que hai tan poucas mulleres no eido da enxeñaría e faino a través “dun estudo moi amplo en relación coas carreiras STEM da UVigo realizado en 2020. Os resultados amosan a escasa presenza de mulleres nas enxeñarías, sobre todo nas relacionadas coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e co eido electrónico, pero tamén reflicten que o rendemento académico das mulleres é superior e que á hora de atopar traballo, tardan unha media de seis meses máis cos homes. “Unha vez no mundo laboral, as mozas perciben máis discriminación de xénero, consideran menos valorado o seu traballo, teñen menor acceso aos postos máis altos e mellor retribuídos e sofren as consecuencias do teito de cristal”, detallou Torres.
A publicación tamén pon o foco en Instagram e nos perigos sexistas para a mocidade. Neste estudo detállase como se relaciona a poboación máis nova a través desta plataforma e fai unha análise sociolóxica e reflexiva que conclúe que moitas veces a primeira socialización de xénero que ten a xuventude é a través desta plataforma. Advirten as autoras da diferencia entre o tipo de contidos e o xeito de comunicar que teñen nesta rede mozos e mozas. “Mentres eles optan por amosar o quen fan, elas amosan o seu corpo” e isto marca unha diferencia de xénero que non fai máis ca abundar nos estereotipos e nas desigualdades, apuntou Soledad Torres.
Outra das iniciativas recollidas no libro é o proxecto As mulleres que nos levaron ao espazo, unha experiencia “preciosa” que pode servir como exemplo para “poñer en valor referentes femininos, neste caso no eido da exploración espacial, incluíndo mulleres galegas destacadas neste eido”.
O libro péchase cun estudo sobre a mocidade galega diante da elección de estudos. Tras entrevistar unha mostra de estudantes de 2º de Bacharelato, as respostas amosan “non só o sentir da xuventude nunha época na que teñen que decidir que van estudar” senón tamén “unha serie de recomendacións sobre como comezar a contrarrestar os profundos estereotipos que están nesgando a elección de estudos”.