Investigadoras do CITIC participan en Lituania na 3ª fase de formación de Design2Freedom

luns, 30 de xuño do 2025 S. P.

O equipo do CITIC da Universidade da Coruña, formado por María del Carmen Miranda Duro, Betania Groba González, Patricia Concheiro Moscoso e Valentina Bouzada Salias participou a semana pasada na terceira fase de aprendizaxe, formación e transferencia (LTT3) do proxecto Erasmus+ Design2Freedom, que se celebrou do 24 ao 26 de xuño en Vilniaus Kolegija/Higher Education Institution (VIKO), situada en Vilnius, Lituania.
Durante esta sesión de intercambio de experiencias, socios de universidades de España, Lituania e Eslovaquia presentaron e debateron os resultados dos seus estudos piloto para habilitar e aplicar metodoloxías inclusivas e de deseño centrado na persoa na educación superior.
O proxecto Design2Freedom ten como obxectivo principal fomentar a innovación educativa e a inclusión social mediante o deseño colaborativo e participativo, traballando con comunidades vulnerables para desenvolver solucións inclusivas.
O estudo piloto realizado na Universidade da Coruña (UDC), coñecido como Design4Occupation, contou coa participación de 92 persoas en total, incluíndo 61 estudantes, 25 profesores, persoal de investigación e profesionais, así como 6 persoas con discapacidade que achegaron propostas de desafíos reais. As entidades asociadas nesta iniciativa son COGAMI e ASPACE.
Durante este piloto, os estudantes de Terapia Ocupacional traballaron en equipos mixtos con usuarios destas organizacións e recibiron apoio multidisciplinar do profesorado e alumnado de Enxeñería en Informática, Educación, Logopedia e Traballo Social. Xuntos deseñaron produtos e servizos tecnolóxicos destinados a mellorar a autonomía e a calidade de vida de persoas con diversidade funcional.
O principal obxectivo do estudo piloto é integrar o deseño centrado na persoa no currículo de Terapia Ocupacional e abrir a porta para que outras disciplinas adopten este modelo. Ademais, preténdese aumentar a conciencia dos estudantes de primeiro curso de Terapia Ocupacional sobre a inclusión das persoas con discapacidade mediante a aprendizaxe baseada en retos reais. O proxecto facilita a participación activa de usuarios de ASPACE e COGAMI, ofrecendo aos estudantes un contacto temperán e auténtico con persoas con discapacidade, o que contribúe a unha aprendizaxe máis significativa.
Así mesmo, o programa busca crear sinerxías entre Terapia Ocupacional e outras disciplinas para co-deseñar tecnoloxías inclusivas innovadoras que respondan ás necesidades reais das persoas con discapacidade. Desta forma, abórdanse desafíos comunitarios, contribuíndo así a unha sociedade máis inclusiva e accesible.
Na reunión de traballo de Lituania, as investigadoras do CITIC Betania Groba, Carmen Miranda, Patricia Concheiro e Valentina Bouzada presentaron os resultados desta sesión piloto celebrada no CITIC en maio, onde se mostraron os avances, as metodoloxías aplicadas e as principais aprendizaxes.
A axenda do evento incluíu relatorios sobre deseño inclusivo, modelos centrados na persoa, metodoloxías creativas como Design Thinking, atención á diversidade na educación superior e a exposición dos avances alcanzados por todos os socios do proxecto, así como unha visita ás instalacións da universidade e espazos de encontro para promover alianzas sostibles.
Design2Freedom é unha iniciativa europea financiada por Erasmus+ que busca transformar a educación superior nun espazo accesible e participativo, formando profesionais capaces de deseñar solucións adaptadas ás necesidades reais de todas as persoas.