Investigadoras do Campus de Ourense crean audiovisuais para loitar contra o acoso sexual

venres, 18 de xullo do 2025 S. P.

O Campus de Ourense acolleu este xoves 17 de xullo a presentación de dous vídeos divulgativos sobre o acoso e o abuso sexual baseado en imaxes. As pezas buscan informar e concienciar ao colectivo adolescente e mocidade universitaria sobre as violencias sexuais en liña, ofrecéndolle ferramentas para saber identificar e actuar ante este tipo de situacións. A idea orixinal e guión son de María Lameiras e Yolanda Rodríguez, investigadoras do equipo de innovación docente Hildegard (Innovación en Sexualidade, Xénero e Saúde) da Universidade de Vigo, e a imaxe, animación e son de Marta Delas.
Os materiais foron presentados por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, e as súas promotoras María Lameiras e Yolanda Rodríguez, esta última tamén directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Concretamente lanzáronse dous vídeos, un titulado O acoso sexual baseado nas imaxes e outro O abuso sexual baseado nas imaxes, estando dispoñibles en galego, castelán e inglés.
Ambos foron realizados cunha axuda para a consolidación de unidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia da Xunta e enmárcanse no proxecto #Non+ViolenciaSexualOnline.
As súas responsables sinalaron que “as ciberviolencias sexuais, nomeadamente o acoso sexual baseado nas imaxes, son unha realidade crecente que afecta especialmente á xente nova e ás mulleres. Dispoñer de materiais informativos novos e innovadores é clave para previr, identificar e actuar fronte a estas violencias e promover relacións máis seguras, igualitarias e respectuosas”.
O acoso sexual baseado en imaxes, indican as investigadoras da UVigo, é un concepto que engloba comportamentos sexuais non desexados na esfera en liña, como presións ou solicitudes non desexadas de imaxes sexuais (por exemplo, solicitar imaxes espidas) e a recepción de imaxes sexuais non desexadas (recibir fotos sexuais non solicitadas e non desexadas como por exemplo fotos de penes). Polo que respecta ao termo abuso sexual baseado en imaxes refírese a unha serie de comportamentos de abuso e agresión como compartir imaxes ou vídeos sexuais íntimos sen o consentimento da outra persoa; sacar fotos ou gravar vídeos con contido sexual sen consentimento e compartilos; crear contido sexual sen utilizando aplicacións de Intelixencia Artificial para editar e manipular o contido sexual e difundilo (fenómeno coñecido como deepfakes); e compartir imaxes ou vídeos sexuais sen consentimento con intención de causar humillación, vinganza, angustia, acoso, ameazar, manipular ou extorsionar a vítima.
Entre as motivacións que impulsaron a realización destes vídeos, explican María Lameiras e Yolanda Rodríguez, atópanse os resultados que tiveron nun proxecto de investigación Inou 2024 financiado pola Deputación de Ourense-UVigo. Nel, o seu equipo avaliou os fenómenos de acoso e abuso sexual baseado nas imaxes nunha mostra de 1140 adolescentes da provincia de Ourense. No ámbito do acoso sexual baseado en imaxes entre os resultados acadados sinalan que “as mozas adolescentes ourensás son vítimas deste tipo de violencias sexuais en liña: un 50,6% afirmaron que recibiron fotos de penes nos seus móbiles sen solicitalas”. Ademais, un 24,2% delas “afirmaron sentirse presionadas a enviar unha foto ou un vídeo espida de tipo sexual cando en realidade non quería facelo”.
Polo que respecta ao abuso sexual baseado en imaxes, as investigadoras destacan entre os resultados do estudo que, por exemplo, ante a cuestión de “cando estás nunha aplicación ou páxina web de citas (por exemplo, Tinder) e alguén che envía unha foto súa espido/a” atoparon que un 34,5% dos mozos afirmaron que non lles molestaría esta situación, mentres que un 91,9% das mozas sinalaron que se sentirían molestas.