Investigadoras/es do CITIC participaron en estadías en prestixiosas universidades de EE UU

luns, 4 de setembro do 2017 Redacción

A investigadora do CITIC, Marta Martínez

Ao longo deste verán, investigadoras/es do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña foron regresando de estadías breves de investigación en prestixiosas universidades norteamericanas (Estados Unidos). Estas estadías están co-financiadas pola axuda de Centros Singulares de Investigación 2016-2019, financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Os investigadores coincidiron en afirmar que esta experiencia supuxo para eles “unha excelente oportunidade” para ampliar coñecementos na súa área científica e mellorar a súa competencia investigadora en universidades de referencia internacional.
Marta Benítez García (Universidade de Minnesota)
A investigadora Marta Benítez García realizou unha estadía de cinco meses na Universidade de Minnesota. O obxectivo da súa viaxe foi aplicar técnicas de post-procesado na simulación numérica de diferentes problemas de interese, en particular problemas de convección-difusión escalares 1D e 2D. O traballo desenvolvido estivo dirixido polo profesor Bernardo Cockburn, especialista na aplicación e a análise destas técnicas.
O balance que Marta fai da súa presenza na dita institución académica dos Estados Unidos é o seguinte: “Tanto a nivel profesional como persoal, a experiencia foi gratificante. A nivel profesional traballei nun tema novo para min, como foi o uso de técnicas de prost-procesado. Pareceume interesante familiarizarme co emprego destes recursos e poder aplicalos a métodos numéricos nos que teño experiencia. Tamén me gustou participar nos seminarios semanais organizados polo profesor Bernardo Cockburn, e nun deles tiven a oportunidade de realizar unha charla. Ademais, a idea é que esta colaboración que se iniciou coa miña estadía, prosiga”.
Respecto ao aspecto máis persoal da súa presenza na Universidade de Minnesota, engade: “O ambiente alí é moi bo, hai unha chea de estudantes, o campus paréceme precioso, a cidade tamén, e a xente é moi amable e educada. Eu vivía no campus, é un sitio moi tranquilo no que hai moita natureza. É certo que houbo algúns meses da miña estadía nos cales non había clases e estaba todo bastante deserto, isto foi o peor da miña experiencia alí, a soidade nestes meses. No meu caso particular, nunca antes fixera estadía algunha no estranxeiro aínda que sempre me parecera algo importante e despois desta experiencia, aínda máis. Por outra banda, estar soa nun país estranxeiro, cun idioma diferente, con dinámicas distintas, resultou ser finalmente un gran reto persoal. Polo tanto, no meu caso, esta experiencia foi enriquecedora tanto a nivel profesional como persoal”.

Inés Barbeito, segunda pola esquerda, cos seus compañeiros de departamento da UCSD

Inés Barbeito Cal: Universidade de California, San Diego (UCSD)
Pola súa banda, Inés Barbeito Cal realizou unha permanencia de tres meses de duración na Universidade de California, San Diego (UCSD). As súas investigacións centráronse no eido da estatística, máis polo miúdo na estatística non paramétrica. De maneira específica, os seus estudos encadráronse no contexto da estimación non paramétrica da densidade condicional baixo dependencia temporal dos datos. Os traballos de investigación desenvolvidos por Inés foron supervisados polo profesor Politis, creador do Bootstrap Estacionario, un dos métodos clave para a tese doutoral que realiza a investigadora.
Como froito da súa estancia prevese a elaboración dun artigo de investigación conxunto co profesor Politis que sexa publicado nunha revista de prestixio internacional.
Ademais, o labor de investigación levado a cabo durante a súa permanencia en San Diego vai ser presentado no International Work-Conference on Time Series Analysis (ITISE 2017) que se celebrará en Granada do 18 ao 20 de setembro e no XIII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións que terá lugar en Ferrol do 26 ao 28 de outubro.
As impresións de Inés sobre a vida universitaria de San Diego son boas: “Tanto o ambiente, como a xente ou o campus de alí son moi acolledores, o que fixo que os meses que pasei na universidade foran moi agradables. Eu vivía nunha residencia no norte de San Diego, fóra do campus. Era un sitio moi tranquilo e con moita vida estudantil. Resultou ser unha experiencia non só enriquecedora a nivel académico, senón tamén a nivel persoal, ao atoparte nun país estranxeiro con diferentes costumes no día a día, e unha cultura diferente”.

O investigador Alejandro López

Alejandro López Núñez: Universidade Northwestern, Chicago.
Por último, Alejandro López Núñez realizou a súa estadía na Universidade Northwestern de Chicago. O seu eido de estudo foi o das matemáticas aplicadas á bioloxía, máis polo miúdo o estudo matemático de modelos que reflictan o medre e desenvolvemento de biopelículas e a resolución numérica dos devanditos modelos. O profesor encargado de dirixir a súa investigación foi David Chopp, experto en métodos numéricos, en particular métodos level set, que son parte importante no desenvolvemento da tese que está a realizar. Estes traballos ten a súa aplicación máis inmediata na súa utilidade para modelar fronteiras móbiles. É por isto que tamén son moi utilizados para o estudo de glaciares ou para o tratamento de imaxes.
Nas vindeiras semanas máis investigadores do CITIC incorporaranse a outras universidades sobranceiras e referenciais para vivir experiencias semellantes. Desta volta, serán universidades do Reino Unido (University College of London), Francia (Laboratoire Lagrange de Niza), México (Universidad de Guadalajara), Japón, Estados Unidos e España.

PUBLICIDADE