Investigadores da EEI de Vigo presentan un sistema robótico de rehabilitación para extremidades inferiores
mércores, 18 de decembro do 2024
Foi Bruxelas o lugar elixido para presentar Steropsia 2024, o prototipo a escala do sistema robótico de rehabilitación médica que ven desenvolvendo o grupo de investigación de Enxeñaría Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) de Vigo, dirixido polo profesor Julio Garrido.
Trátase dun dos principais resultados de VirtualR3 (Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation), un dos subproxectos do consorcio europeo EMIL (European Media and Immersion Lab), no que a Universidade de Vigo participa xunto a outras 16 institucións europeas.
Estamos perante unha contorna de rehabilitación robótica equipada con realidade virtual da que poderán beneficiarse pacientes con distintos graos de necesidades terapéuticas. Neste novo sistema as persoas usuarias son sostidas e movidas por un robot de cables (Cable Driven Parallel Robot ou CDPR), no que son os propios impulsos da persoa paciente os que xeran a intención de movemento, que logo é empregada polo robot para seguilo e apoialo. Asemade, ao estar dotado dese sistema de realidade virtual, o paciente poderá experimentar o movemento de xeito inmersivo en diferentes escenas, grazas ao uso de lentes virtuais, o que fai máis levadeiras as sesións de rehabilitación. Todo isto baixo continua supervisión médica, desde onde se poderán cambiar as forzas, impulsos e escenarios virtuais do robot.
Segundo Julio Garrido, investigador principal do proxecto VitualR3, ante a imposibilidade de trasladar o robot da UVigo a Bruxelas, desenvolveuse un prototipo a escala co que os asistentes a Stereopsia2024 puideron experimentar un paseo virtual pola praia de Samil.
O robot conta con oito motores que, de maneira individual, controlan a lonxitude e tensión de cada un dos oito cables cos que vén equipado, “soltando e recollendo cables de forma precisa”, de maneira que, traballando de forma coordinada, son capaces de mover, en espazos amplos e en todas as direccións, unha estrutura central que soporta ao paciente sobre un arnés.
Cómpre engadir que o proxecto conta co apoio do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e do seu director, o doutor Francisco Javier Juan García, xefe de servizo, e de membros do seu equipo. “A idea é poder chegar a realizar un ensaio clínico, pero iso leva tempo porque hai que conseguir todas as autorizacións preceptivas”, apunta Garrido, recalcando o compromiso dos servizos médicos do hospital con este proxecto. “Pola nosa banda, seguimos buscando novo financiamento para, entre outras cousas, acometer estas fases de ensaio”, engade o investigador.
A instalación a tamaño real nos laboratorios na Escola de Enxeñería Industrial permite tamén outros modos de funcionamento, como o modo háptico, no que, a través da sensorización das forzas que exerce o paciente sobre a estrutura que o soporta, traslada as súas intencións de movemento ao control do robot.
Pola súa banda, o persoal sanitario, a través da aplicación médica desenvolta, pode parametrizar en tempo real distintas variábeis do exercicio de rehabilitación, como a porcentaxe de peso corporal do que se quere liberar as pernas do paciente ou a resistencia ao movemento en determinadas direccións, “ademais de controlar as escenas virtuais e o camiño a seguir dentro dela que son mandados ás gafas que porta o paciente”.
Por último, sinalar que participaron nas demostracións en Bruxelas os investigadores do proxecto Daniel do Olmo e Enrique Riveiro, parte visíbel en Bruxelas xunto aos investigadores e investigadoras Uxía Pérez, Josué Rivera e Diego Silva, así como o técnico de laboratorio Manuel de la Torre xunto a Julio Garrido. Acudiron a Bruxelas como integrantes do consorcio europeo EMIL no que participan como socios, entre outros, a Universidade de Aalto (Finlandia), Pompeu Fabra (España), Bath (Reino Unido) ou a alemá Filmakademie Baden-Württemberg, entre outras.